Dúas novas asociacións empresariais únense ao programa GDR

S. A. P.; s. g. O SALNÉS / LA VOZ

CAMBADOS

Representantes do GDR na asamblea do 2025
Representantes do GDR na asamblea do 2025 MONICA IRAGO

A agrupación lembra que xa poden presentar as fichas de socio para a incorporación ao GDR

11 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O xoves á noite celebrouse a asemblea xeral do GDR Salnés-Ulla-Umia nas instalacións de Exposalnés, en Cambados, onde se aprobaron todos os puntos da orde do día, entre eles a acta da sesión anterior, as contas e a memoria anual do 2025, o orzamento e o Plan de Actuación, así como o Informe Anual de Avaliación e Seguimento.

Durante a sesión tamén se informou do plan do período LEADER 2023-2027 e da convocatoria de axudas, dotada con 981.910,24 euros para financiar 45 expedientes entre o 2026 e o 2028, destinados a proxectos produtivos de empresas e a iniciativas non produtivas de entidades locais. A asemblea tamén abordou a preocupación dos Grupos de Desenvolvemento Rural pola proposta da Comisión Europea, que podería poñer en risco o futuro do segundo piar da PAC e deixar sen financiamento ó programa LEADER, unha medida que xa xerou o rexeitamento de varias asociacións.

Ademais, deuse a benvida ás novas incorporacións da Asociación Salnés Empresarial e Aprometur. O GDR reiterou o seu compromiso co modelo de portas abertas e lembrou que as entidades interesadas en formar parte poden solicitar a súa incorporación a través da web ou da súa oficina.