Cambados instalará cámaras nas rúas, Vilanova comprará un edificio e A Illa acondicionará Testos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

A Deputación libera 720.000 euros para estes tres municipios arousáns

06 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno destinar máis de 720.000 euros da liña 1 do Plan +Provincia a Cambados, Vilanova e A Illa. Os preto de 80.000 euros que recibe o Concello de Cambados teñen por obxectivo o subministro, instalación e posta en servizo dun sistema de cámaras con analítica de vídeo e sistema LPR para control de vías municipais. En concreto, situaranse cámaras no Concello, no porto de Tragove, na rotonda de Eroski e na de Vilariño e na rúa Barca Norte. En todos eses puntos tamén se posicionarán gravadores.

Pola súa banda, Vilanova contará con preto de 95.000 euros para adquirir un edificio situado na rúa Aromas de Lenda, no que poder localizar dependencias oficiais do Concello, xa que os existentes resultan insuficientes, dispersos ou pouco axeitados á necesidades do funcionamento actual da administración.

Por último, A Illa recibe 550.000 euros das anualidades do 2026 e do 2027 para completar o financiamento da humanización dos recursos naturais da área deportiva de Testos, que conta con outros 500.000 € do Plan Extra 2025. Vaise limpar a zona, demoler edificacións obsoletas e eliminar especies exóticas invasoras; realizar axustes topográficos e outras accións.