A Mancomunidade abre as portas das novas oficinas do Centro do Información para a Muller

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

As obras de reacondicionamento, financiadas pola Xunta de Galicia, supuxeron un custo duns 104.000 euros

06 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As instalacións do Centro de Información para a Muller (CIM) da Mancomunidade do Salnés presentan dende onte unha nova cara. As dependencias, situadas no primeiro andar do edificio municipal da rúa Ourense, que o Concello de Cambados cede ao órgano comarcal, foron restauradas durante os últimos meses financiadas pola Xunta de Galicia, cun custo aproximado de 104.000 euros.

As novas oficinas foron inauguradas polo presidente da Mancomunidade, David Castro, o subdelegado do goberno na provincia de Pontevedra, Abel Losada, o Director Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta, Roberto Barba e a Xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, María José Rodríguez, entre outras personalidades políticas. Un acto no que estiveron presentes tamén representantes da Guarda Civil e da Policía Local e as traballadoras do CIM, incluída a directora, Mariña Varela. As reformas foron encamiñadas a mellorar as instalacións para facilitar precisamente o traballo destas empregadas, «quen de verdade vive día a día, xunto cos membros das forzas de seguridade do Estado, a realidade das vítimas», apuntou Losada.

Presentouse tamén o programa de actividades dinamizadoras que a Mancomunidade prepara para este mes no que se celebrará o Día contra a Violencia de Xénero e que se desenvolverán nos cinco municipios adscritos ao CIM: Cambados, Vilanova, Ribadumia, Meis e Meaño.

Nas novas instalacións traballarán a directora e as outras catro empregadas que prestan os seus servizos nestes cinco concellos, entre eles, asesoramento psicolóxico e xurídico a vítimas da violencia de xénero e a outras persoas en situación de vulnerabilidade.