O cambadés Ángel Sánchez correrá por undécimo ano no pelotón profesional

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

Ángel Sánchez, nunha edición da Volta a Portugal
Ángel Sánchez, nunha edición da Volta a Portugal JOAO FONSECA

Vén de renovar polo Tavfer portugués, na que será a súa sexta temporada consecutiva

10 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ángel Sánchez Rebollido (Cambados, 12 de abril de 1993) encadeará no 2025 a súa undécima temporada no pelotón profesional. Faráo, por sexto ano consecutivo, nas filas do Tavfer-Ovos Matinados-Mortágua portugués, que nos últimos tres cursos contou co vilagarcián Gustavo César Veloso como director deportivo e que se atopa en negociacións para a renovación tamén deste último.

O Tavfer fixo pública a continuidade de Ángel Sánchez na noite do venres, a través dun comunicado no que o corredor arousán declarou: «As miñas expectativas para este vindeiro ano serán ser o máis competitivo posible, recuperar parte da confianza despois dun ano duro e tentar obter algunha vitoria a nivel individual, máis aló de traballar o mellor posible para conseguir o máximo número de vitorias para o equipo». O cambadés engadiu onte a La Voz que desexa reivindicarse logo dun 2024 no que o pasamento do seu pai a comezos de ano, unha mononucleose a mes e medio da Volta a Portugal e unha infección por covid-19 en plena Grandíssima lle impediron render ben.