O festival Desfoga volve a Cambados en outubro con teatro, música, danza, fotografía e outras artes
CAMBADOS
Será do 1 ao 7 de outubro con citas en varias localizacións da vila
29 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.En outubro volve Desfoga a Cambados, un festival de artes vivas que se presenta como «un lugar seguro de expresión para persoas do colectivo LGTBIQ+ ou outras disidencias: afrodescendentes, neurodiverxentes, migrantes, etc». Teatro, danza, música, circo, performance, fotografía, pintura e escultura caben nun espazo aberto á innovación.
O programa abrirase o mércores 2 de outubro ás 20.30 horas cun coloquio baixo o título Xeometría Cuir no que Marina Logares fará un percorrido pola historia das matemáticas con referencias ás mulleres matemáticas que foron silenciadas. Previamente, a doutora Érika Roldán fará unha presentación sobre a súa investigación en matemáticas e en ciencias da computación; a cita é ás 20.30 horas no Espazo Torrado.
O xoves 3 de outubro, Fergi presenta o seu novo disco Fergi’s House no que narra unha historia de amor e desamor a través de obxectos comúns; será na sala Krazzy Kray a partir das dez da noite.
O venres 4 haberá una performance a partir das 11 horas na Praza do Concello baixo o título Unsuitable a cargo de Miguel Paranda Olmeda; ás 20.30 horas haberá un «concerto lido» baixo o título Ata onde nos deixa ver esta beira do mar para dar paso ás 23 horas a un espectáculo que transformará A Cultural nun estudio de televisión cheo de música, teatro e diversión. As entradas custan 10 euros e pode retirarse a través de Atquilla.com.
O sábado 5 ás 20.30 horas, A cultural acollerá o recital-concerto Seres Corais con Andrea Nunes, Mercedes Peón e a Coral Santa Mariña co que se pretende tender pontes entre a poesía contemporánea e as corais populares. Media hora despois comezará o espectáculo de danza Santa de Sustrato de Autónomo, no que Inés Sybille Vooduness imaxina posibles encontros con divindades de vudú haitianas. O prezo das entradas é de 10 euros.
No marco do Desfoga haberá tamén unha exposición, do 1 ao 7 de outubro no Espazo Torrado, que baixo o título (Des)programar establece unha ponte entre as matemáticas, a programación, a creación escénica e a divulgación, poñendo énfase na identidade de xénero e na sexualidade. A mostra confórmase coas aportacións de Érika Roldán, Nori Blume, Kyne Santos e Marina Logares. Desfoga tamén ofrece actividades on line a diario e organizou para os institutos Francisco Asorey e Ramón Cabanillas de Cambados obradoiros-performance.
Desfoga é unha iniciativa parte da compañía Teatro Caracol e con múltiples colaboracións: Concello de Cambados, Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Fundación Pandeia, a sala Krazzy Kray, os institutos, Sociedade Cultural e a bodega Paco & Lola.