A biblioteca municipal de Cambados pechará as tardes de xullo e de agosto

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

O concelleiro de Cultura, Liso González, explica a medida pola falta de demanda e a fin de optimizar os recursos do departamento

11 jun 2024 . Actualizado a las 20:05 h.

A Biblioteca Luis Rei de Cambados pechará nas tardes dos meses centrais do verán, xullo e agosto. O concelleiro de Ensino, Cultura e Patrimonio, Liso González (BNG), informou este martes da decisión, que atribúe á falta de demanda e á oportunidade que a mesma ofrece á hora de optimizar os recursos da área de Cultura do Concello.

Liso González sinala que a medida se adopta «despois de case un ano á fronte do departamento e de ter analizado as súas necesidades e as do persoal adscrito», logo de comprobar que «non había unha demanda nin tan sequera significativa» de uso da biblioteca municipal nas tardes de xullo e de agosto. Así as cousas, o peche parcial permitirá, engade, «unha maior racionalización dos recursos humanos á hora de darlle vacacións ao persoal e de organizar outro tipo de actividades».