Takekazu Asaka, o xaponés que elexiu o galego como o seu segundo idioma, xa é membro de honra da Real Academia Galega

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

O acto de acceso celebrouse en Cambados unha vila coa que este «nipogalego» ten fortes vínculos dende hai anos

11 jun 2024 . Actualizado a las 20:09 h.

A Real Academia Galega celebrou este sábado unha sesión extraordinaria e pública para lle dar a benvida a Takekazu Asaka (Tokyo, 1952) como académico de honra. O acto desenvolveuse no Auditorio da Xuventude, en Cambados, unha vila coa que este «nipogalego» ten moitas conexións: é a terra de Ramón Cabanillas, un dos clásicos galegos que ten traducido ao xaponés, e é tamén unha localidade na que, ao longo de moitos anos de visitas e estancias, teceu amizades e afectos.

A amizade, o amor, a lealdade, a memoria e o humor foron algúns dos elementos que agromaron con insistencia tanto no discurso de ingreso de Takekazu Asaka como na resposta que pola RAG pronunciou Francisco Fernández Rei. As palabras dun e doutro serviron para construír a historia deste home, fillo dunha familia labrega do entorno rural da capital do seu país, que se licenciou en Economía Internacional, que viviu de ensinar castelán durante 35 anos, pero que sinte devoción pola lingua e a cultura galegas, «que estuda sen descanso dende hai máis de corenta anos», segundo recordou Fernández Rei.

Takekazu Asaka topou co galego na praza de Cibeles, en Madrid, onde estaba a facer un curso de lingüística hispánica. Nun quiosco deu cun exemplar de A Nosa Terra que prendeu nel a curiosidade por unha lingua da que non sabía nada, pero da que estivo disposto a aprender todo. De feito, cando no ano 1985 se doutorou en Filoloxía Románica pola Universidade de Kansai Gaidai, fíxoo cunha tese sobre a estrutura do infinitivo persoal en galego moderno, un dos fenómenos lingüísticos que, canda a gheada e o pronome de solidariedade, máis lle interesan.

En 1989, o novo académico honorario fixo a súa primeira visita a Galicia, terra á que dende entón volve practicamente cada verán, e da que sente morriña. Fernández Rei lembra ben o seu primeiro encontro con aquel xaponés que «falaba o galego que aprendera lendo e escoitando cancións no noso idioma». Dende o principio fixo gala dunha «amable intransixencia dun activista da lingua», nas verbas do seu amigo. O propio Takekazu había recordar a súa sorpresa cando durante unha das súas primeiras visitas a Cambados entrou nun restaurante e se decatou de que a carta non estaba en galego. «Cambados é un lugar turístico, pensei, e se os turistas estranxeiros non entenden o galego, talvez por iso a dona puxo o menú so en castelán. Porén, considero que aos turistas non galegos debe facérselles visible que en Galicia hai unha lingua propia que é cooficial», lembrou onte, arrincando o aplauso do público. Fernández Rei completaría a historia pouco despois recordando como aquela muller, días máis tarde, seguía sen dar creto a ter diante un xaponés que falaba galego e que lle pedira que puxera a carta nesa lingua.

O discurso de Takekazu serviu para facer un pequeno percorrido pola vida de Galicia entre os anos noventa e a actualidade. Falou da súa amizade con boa parte das grandes figuras culturais do noso país. Das súas inacabables viaxes no Castromil, amenizadas polas lecturas dunha colección de libriños, cortesía da empresa de transportes, que lle permitiu coñecer a un bo feixe dos nosos autores e autoras. Falou da experiencia de ser un xaponés en Arousa comendo ameixa xapónica de Galicia. E da descoberta da súa xente, «reservada, silenciosa, traballadora e amable», que ano tras ano o recibe como a un máis.

Gramáticas, vocabularios e unha longa lista de obras traducidas ao xaponés

De Takekazu Asaka dixo Fernández Rei que representa «a forza que vén de lonxe». Forza que se ten traducido en amplos traballos para dar a coñecer a nosa lingua e a nosa cultura no seu país. Son moitas as súas achegas á aprendizaxe do galego dende o xaponés, con gramáticas, con guías de conversa e con vocabularios. Impartiu ademais cursos de galego en diversas universidades, en conservatorios e no Instituto Cervantes de Tokyo. Como lingüista, fixo estudos e traballos sobre castelanismos ou sobre a situación do galego. No campo da tradución, verteu ao seu idioma materno obras de Rosalía de Castro, Novoneyra ou Ramón Cabanillas, ademais de terlle prestado boa atención á lírica galega medieval. O seu empeño en dar a coñecer a nosa cultura no seu país deu forma a unha guía, Os 50 capítulos para coñecer Galicia, sobre a situación sociocultural galega, e dende o 2008 organiza en varias cidades niponas, co gallo do Día das Letras Galegas, ciclos de música e poesía na nosa lingua. Esa alianza coa música que Takekazu Asaka comezou explorar hai anos tamén se deixou notar no acto da Real Academia Galega: a soprano Miho Haga e a pianista Kazumi Ogura ofreceron un recital construído con composicións de Ramón Cabanillas e de Celso Emilio Ferreiro.

Durante o seu discurso, Takekazu Asaka tamén deixara oco para a lectura de versos galegos por el vertidos ao xaponés: «dúas linguas distintas, sen parentesco ningún» déronse a man unha vez máis. E seguirán a se abrazar: «Para espallar no Xapón a fermosa lingua e cultura de Galicia, traballei máis de trinta anos arreo, ás veces durmindo ben pouco. Sigo a traballar, pero agora quero facelo máis calmado».