



















Vilagarcía e Cambados celebraron as ofrendas institucionais do 17 de maio, pero as dornas quedaron en terra
18 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Días coma o de onte serven para lembrar que a lingua forma parte da noso patrimonio e que convén coidala. Os mozos falan pouco en galego e as institucións aproveitan estas datas para tratar de achegalos a un idioma que hai moitos anos que deixou de estar relegado ao ámbito doméstico. O galego está presente na cultura, no ensino, na empresa, na política... e en Galicia ten, ademais, festa propia. O clima non foi o mellor aliado, pero, con todo, a música soou en moitos recunchos: en Vilagarcía, en Cambados, en Catoira, na Illa, en Meaño... En Meis e en Vilanova houbo espectáculos teatrais para toda a familia á espera doutras actividades que están por vir, como é o caso da actuación Vilatriste Vilalegre prevista para esta tarde (20 horas) na praza do Con (Cambados) —en caso de chuvia trasladarase ao salón Peña— e a exposición bibliográfica sobre Luísa Villalta que se inaugura este mediodía na nova biblioteca municipal de Vilagarcía.
Noutros concellos como O Grove foron adoptaron medidas máis drásticas optando por suspender os actos do 17 de maio. O tempo tamén frustrou a botadura de embarcacións tradicionais do Clube Mariño Salnés, que adiouse para a vindeira fin de semana, e impediu onte facer o tradicional bautismo de mar na Illa de Arousa, onde as dornas Uxía e Dominga terán que esperar mellor ocasión para mollarse. Si se puideron celebrar as ofrendas florais con carácter institucional organizadas en Vilagarcía e Cambados.