Catrocentos rapaces acudirán a Cambados ó torneo Corresponsable no Boxeo

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

Será o primeiro evento do deporte do ring na vila do albariño

24 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá sábado o pavillón do Colexio San Tomé de Cambados será o escenario do maior evento de boxeo escolar da comunidade. A instalación arousá verá pasar, de once da mañá a tres da tarde, os arredor de 400 rapaces de entre 6 e 15 anos inscritos na segunda edición do torneo Corresponsable no Boxeo, unha iniciativa con versión nos diferentes deportes federados promovida pola Secretaría Xeral para o Deporte e o departamento de Igualdade da Xunta de Galicia.

O presidente da Federación Galega de Boxeo, o coruñés Manolo Planas, presentou onte a cita no consistorio de Cambados da man da concelleira de Deportes, Noelia Gómez. Planas explicou que o seu ente optou por empregar os fondos do programa Corresponsable na contratación de monitores que traballaron durante o ano por toda Galicia no fomento do boxeo entre os máis cativos.

En Cambados haberá competicións sen contacto e de semicontacto, isto é, con golpeo entre os contrincantes pero co KO vetado. Ademais, completaránse os Campionatos Galegos, disputándose no ring as tres finais —60, 66 e menos de 71 quilogramos— que non se puideron dirimir dúas semanas atrás no maior evento de boxeo celebrado en Galicia, con dous rings simultáneos e unhas 2.000 persoas presenciando a cita en Portonovo.

Dinamizando o comercio local

En Cambados, apuntaron Planas e Gómez, se agarda a presenza dunhas 700 persoas, entre competidores e acompañantes, que van dinamizar a hostalaría e o comercio local durante todo o día no que é, subliñou a concelleira de Deportes, «o primeiro evento de boxeo que se fai na nosa vila».