As tres vilas despiden a José Pepe

Benito Leiro

CAMBADOS

Ser de Cambados era o seu maior orgullo, e recibiu unha homenaxe de fermosa despedida da veciñanza na súa querida Santa Mariña Dozo

11 may 2023 . Actualizado a las 21:44 h.

En 2002 publiquei A Festa do Albariño, 50 anos na historia de Cambados. Para escribir aquel volume contei coa colabouración de varias persoas que traballaban no Concello. Entre elas, ningunha mostrou tanto interese como José Pepe Vázquez en que o traballo saira ben. Para o funcionario municipal era fundamental deixar constancia do papel crucial do Concello no xurdimento ?tralo reto de Quintanilla a Zárate—, e sobre todo na consolidación da esmorga albariñense.

Para José Pepe Cambados era a capital do Albariño, por suposto, pero non quería que nos esqueceramos dos taberneiros e dos cosecheiros de Meaño, Ribadumia, Vilanova e O Salnés en xeral. Por iso pretendía unha denominación de orixe salinense, pois a de Rías Baixas “é un contubernio”, denunciaba. No seu disco duro de corresponsal de prensa gardaba datos e lembranzas de catadores e inspiradores literarios do cónclave albariñense, como o poeta don Ramón Cabanillas, que el coñecera de rapaz na xastrería do seu pai, Sergio Vázquez, en Fefiñáns.

«José Pepe viviu amando ó seu Cambados», en palabras de don José Aldao, e transmitindo ese amor a todas as xentes que viñan de fora a visitalo, engado eu. Durante case tres décadas foi responsable do padrón de habitantes e así lembraba os apelidos da veciñanza. De memoria recitaba os máis comúns: os González, en Corvillón, os Núñez en Vilariño, os Dozo e Dopazo en Castrelo, ou os Tourís en Oubiña. Como funcionario e mesmo secretario accidental traballou ás ordes de nove alcaldes, comezando en 1974 con Joaquín Fole, seguindo por Benito González Ambrós, Isidoro Vaamonde e Pastor Sineiro, na transición do franquismo á democracia, e logo Xoán Antonio Pillado, Antonio Pillado Montero, Santiago Tirado, José Manuel Cores Tourís e Luis Aragunde, co cal se xubilou no 2012.

Na súa traxectoria vital coñeceu a emigración a Alemaña para, de volta ó fogar, implicarse a fondo na sociedade cambadesa, como directivo da Cultural, organizador de festas, colaborador da parroquia de Santa Mariña e de Cáritas, entre outras iniciativas culturais e relixiosas. As anécdotas que contaba poderían saturar a memoria artificial de calqueira ordenador. Como aquela de cando o médico lle preguntou se bebía moito. A resposta non puido ser máis concluínte: «¡Son de Cambados!».

Ser de Cambados era o seu maior orgullo. Xa que logo, onte recibiu unha homenaxe de fermosa despedida da veciñanza na súa querida Santa Mariña Dozo. Pechou o ciclo vital tras desfrutar das tres vilas históricas. Nada máis honroso para un cambadés que nacer no Fefiñáns de San Benito, do que tanto presumía, traballar media vida cara a fronte marítima cambadesa e finar en San Tomé do Mar, a carón da Valvanera e da torre de San Sadurniño.