Xosé Conde Corbal, un centenario case esquecido

José Vaamonde CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Co gallo do seu centenario, Espazo Torrado de Cambados inaugura a exposición antolóxica da obra gráfica do pintor: «O Corbal no mar de Arousa»

05 may 2023 . Actualizado a las 20:45 h.

Con sorte para todos o escultor Enrique Conde expuxo no outono de 2022 no EsPazo TorradoE digo sorte por partida dobre. Por un lado, a propia mostra en si onde a madeira conquistou os espazos da fidalga sala cambadesa. Por outro, o descubrimento para min da figura do seu pai, Xosé Conde Corbal (Pontevedra, 1923), da importancia e relevancia que tivo para as diversas polas da cultura galega e o esquecemento del e da súa obra tralo seu falecemento na veciña vila de Vilagarcía en 1999. E este foi o comezo desta xestación.

Vinte catro anos pasaron desde o seu falecemento e apenas unha exposición na sala do CIPES, en Moreira (O Grove) e un excelente catálogo da súa obra gráfica, publicado pola desaparecida Nova Galicia Edicións, co grovense Antón Mascato como editor. Queremos que este ano non pase desapercibido e facer desta exposición e deste catálogo un tributo á altura da relevancia e importancia da obra de Corbal.

No outono de 1980 aparece na revista Grial un artigo titulado: Xosé Conde Corbal e a estética do gravado: unha reforma do ollo por medio da deformación da liña, asinado pola filóloga estadounidense Carol S. Maier, da Bradley University. A «amiga americana», como se refería Corbal á hispanista, estaba de ano sabático por terras galegas investigando a obra de Valle-Inclán, e da súa estancia en Ourense nacería a amizade co artista. Maier neste artigo dá coas claves para entender a súa obra, e por iso que reproducímolo integramente.

 A forza e expresión que desprenden os gravados do Corbal é en parte grazas a unha técnica moi delicada para a súa conservación pero á vez moi económica para a súa reprodución: látex con acrílico sobre acetato. Buscaba co gravado, máis que con outras disciplinas, achegar a arte ao pobo, facer da arte algo asumible e atinxible para todo o mundo. Á vez, o gravado ten ese carácter expresivo ou expresionista, mostrando a esencia das cousas retratadas, pero tamén amosando a forza da man que obedece a unha idea, a un pensamento, a unha finalidade artística, ilustrativa e, como non, testemuñal.

MONICA IRAGO

Máis de mil setecentos gravados e outras tantas pinturas compoñen a obra de Conde Corbal, onde aborda variedade de temas que se poden ver desde distintos prismas: o artístico, o etnográfico e o científico. E Galicia sempre como escenario onde sucede todo. Así podemos ver os retratos carismáticos e expresivos dos grandes escritores, intelectuais e artistas galegos: desde Valle-Inclán, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, pasando pola Xeración Nós, como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Ramón Cabanillas ou Castelao, pero tamén Alexandre Bóveda, Álvaro Cunqueiro, Antón Vilar Ponte, Ánxel Casal, Aquilino Iglesias Albariño, Francisco Asorey, Basilio Álvarez, Ben Cho Sei, Borobó, Carlos Maside, Celso Emilio Ferreiro, Domingo Fontán, Eduardo Blanco Amor, Francisco Fernández del Riego, Fermín e Luís Bouza Brey, Francisco Camba, Manuel Portela Valadares, Manuel Lueiro Rei, Manuel María Plácido Castro, Rafael Dieste ou Valentín Paz Andrade. Tamén o chamado Fardel da Guerra recolle personaxes e escenas da Guerra Civil, desgarradores á vez que ilustrativos.

Un Corbal máis vinculado coa etnografía aparece na maior parte da súa obra, froito seguramente da gran amizade con Xaquín Lourenzo, colaboradores os dous no Seminario de Estudios Gallegos, e Xesús Ferro Couselo, que fora director do Museo Arqueolóxico de Ourense. Os gravados das xentes e pobos de mar e as nosas embarcacións tradicionais, as dornas, dan boa conta na súa obra, moi influenciada polo mar de Arousa e polos infindos veráns na súa casa no porto de Meloxo na vila do Grove.

A fauna marítima e litoral tamén ocupan gran parte da súa temática, cunha interminable recreación das aves e peixes que habitan as costas galegas, sempre cun afán diría que científico pero tamén marcadamente estético.

MONICA IRAGO

O patrimonio monumental

O patrimonio monumental galego así como a súa paisaxe, ao modo que fixera a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, tamén está moi presente. O artista-etnógrafo lévanos, como non, a través dunha singradura por terra, entre as vilas e cidades galegas, o patrimonio monumental e etnográfico, representando case sempre en acrílico negro, recunchos máxicos e espazos urbanos máis representativos, vistos desde unha mirada intelixente e viva e un xesto áxil e xovial.

O erotismo dalgúns dos seus gravados, vinculado esteticamente ao expresionismo alemán de Die Brücke, ou á obra do expresionista austríaco Egon Schiele, tan pasional como explícita, mostra unha temática que case non aparece nos escritores e artistas galegos. Aínda que entendo que teñen carácter intimista, no sentido de non ser mostrados ao gran público, non deixa de ser valente mostrar esta temática tan natural coma ancestral e, por que non, necesaria.

Con este catálogo e esta exposición [inaugurase en Cambados o venres, 5 de maio, ás 19.30 horas] queremos lembrar, aínda que sexa breve e humildemente, a figura deste artista esquecido, coma tantos outros, polo paso do tempo, e por enriba da mesa un problema común a outros artistas e escritores: a conservación e difusión de moitas herdanzas particulares e singulares que conforman a riqueza cultural e artística dun país e do seu futuro.

José Vaamonde é Historiador da Arte e técnico de Cultura