Galicia e Irlanda estreitan lazos grazas á figura de Plácido Castro

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS

CAMBADOS

Martina Miser

O convenio entre a fundación do escritor e o Instituto de Estudos Irlandeses permitirá organizar recitais poéticos, unha viaxe a Irlanda e un concerto de temática celta 

09 mar 2023 . Actualizado a las 15:19 h.

A Fundación Plácido Castro e o Instituto de Estudos Irlandeses asinaron este xoves en Cambados un convenio de colaboración que busca estreitar lazos entre Galicia e Irlanda mediante a figura do escritor galego, que hai un século fixo unha viaxe por aquelas terras. Esta experiencia foi recollida nun libro, editado en versión bilingüe, que vai servir de fío condutor para un itinerario turístico e cultural que se vai poñer en marcha ao amparo deste convenio.

Nos vindeiros meses —a data está por concretar— programarase unha viaxe desde Galicia a Irlanda que seguirá os pasos que dou Plácido Castro en 1928, nun percorrido en tren no que descubriu paisaxes, monumentos e a cultura daquel país.

É esta unha das actividades programadas dentro do convenio. As outras dúas consisten en recitais bilingües con poemas de autores irlandeses traducidos por Castro e un concerto de temática celta. Tamén está previsto organizar outras actividades no ámbito académico e da investigación.

A fundación adianta que os recitais terán lugar nos tres concellos membros da fundación —Cambados, Vilagarcía e Corcubión—, aínda que non está en disposición de facilitar un calendario á espera de que se renoven os gobernos municipais logo das eleccións de maio. Entre tanto, o concelleiro de Cultura de Cambados, Tino Cordal, sinala que neste Concello estarían encantados de poñer o escenario para as actividades musicais.

Alí, na vila do albariño, levouse a cabo a sinatura do convenio -na imaxe- por ser alí onde se atopa a sede da fundación. O edil actuou de anfitrión nun acto no que participaron a presidenta e o secretario da fundación, Susi Castro e Xulio Ríos, e o director do Instituto de Estudos Irlandeses, David Clark, quen adiantou que a semana próxima reunirase en Madrid co embaixador de Irlanda para solicitar o seu apoio a este tipo de iniciativas.

Todos eles expresaron a súa satisfacción por acadar este acordo na medida en que vai contribuír a poñer en valor a figura de Plácido Castro e a achegar dúas culturas tan próximas como a galega e a irlandesa. «É unha gran honra, Irlanda é un referente na vida do meu pai. Eu nacín o día de San Patricio e teño unha nora e un neto irlandeses», apuntou Susi Castro.