O cinemóbil de José Gil chega esta fin de semana a Cambados con proxeccións no auditorio
CAMBADOS
A iniciativa permitirá coñecer o traballo deste pioneiro no cinema galego e ver películas como «Vertixe» e «Mamasunción». O sábado actuará a Banda de Castrelo
11 mar 2023 . Actualizado a las 14:01 h.O camión do Cinemóbil que está a recorrer os concellos galegos chega este venres a Cambados co fin de divulgar o traballo que fixo José Gil no seu cine Rotalty de Ponteareas nos anos vinte. Eran os tempos do cine mudo e en branco e negro que, un século despois, dan testemuña da historia daquela época e da pegada que deixaron pioneiros como Gil.
Moitos están a descubrilo grazas a esta iniciativa, especialmente os máis cativos, que están chamados a participar en varias actividades. Manolo González e Ignacio Vilar ofrecerán este venres pola mañá unha visita guiada ao Cinemóbil3 dirixida aos nenos que inclúe a proxección no auditorio de A Xuventude de Vertixe, de Harold Lloyd (1921), de Kin auto Race at Venice (1914) —que ofrece a primera aparición de Charlot— e unha antoloxía de imaxes dos filmes de José Gil
O sábado a axenda ábrese ao público en xeral. De 10 a 12 horas terá lugar na praza do Concello —en caso de chuvia trasladarase ao auditorio— unha nova visita guiada ao Cinemóbil por Manolo González e Ignacio Vilar para proseguir coa presentación do libro «Nos días encantados de agosto» a cargo de por Manolo González sobre José Gil. Están convidados a participar os alumnos dos institutos de Cambados.
Ás 13 horas terá lugar a sesión vermú coa actuación da Banda de Música de Castrelo e de 17 a 20.30 horas repetirase no auditorio a proxección de filmes do día anterior. Ás 19.30 darase paso ao documental José Gil: fotógrafo e pioneiro do cine, de Miguel Romero (2014) seguido de O ronsel de José Gil, O carro e o home, de Antón Román (1942), Mamasunción, de Chano Piñeiro (1984), e de Ser e voltar de Xacio Baño (2014).