Cambados disporá de fondos para continuar as prospeccións arqueolóxicas en San Sadurniño

La Voz CAMBADS / LA VOZ

CAMBADOS

ADRIÁN BAÚLDE

O Concello foi seleccionado xunto con outros oito proxectos da provincia de Pontevedra para participar na intervención en espazos de interese arqueolóxico a cargo do CSIC neste exercicio 

04 feb 2023 . Actualizado a las 17:01 h.

O xacemento arqueolóxico da illa de San Sadurniño en Cambados foi seleccionado xunto con outros oito proxectos da provincia de Pontevedra para participar na intervención en espazos de interese arqueolóxico a cargo do CSIC neste exercicio 2023. O coñecemento da historia da Illa de San Sadurniño e as resultas das sondaxes arqueolóxicas levadas a cabo recentemente indican a presenza de estruturas correspondentes a varios momentos históricos. A dúbida está na existencia dunha ocupación previa ao século XV, momento no que existe constancia documental do complexo e a torre cuxos restos son hoxe visibles, segundo explica o concelleiro de Patrimonio, Xurxo Charlín.

Os obxectivos da intervención son o mapeado de parte das estruturas soterradas e a datación da secuencia de ocupación da illa. Serán intervencións arqueolóxicas como as realizadas en 2021, de mínima invasión, capaces de proporcionar información sen producir grandes impactos con técnicas como a teledetección con drons ou prospeccións xeofísicas do subsolo.