Cambados oferta un curso de auxiliar de atención sociosanitaria e outro de habilidades dixitais para as mulleres do mar

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

MARTINA MISER

En ambos está aberto o prazo de inscrición co obxectivo de iniciar as clases este mes

03 feb 2023 . Actualizado a las 15:44 h.

As concellerías de Sanidade e de Servizos Sociais de Cambados organizan un curso de auxiliar de atención sociosanitaria que será impartido pola empresa Ara Formación, especializada neste tipo de docencia. A duración do curso será de 150 horas, repartidas entre 110 de teoría e 40 de práctica, ao longo de dous meses. O obxectivo fundamental é formar auxiliares de atención socio-sanitaria para o coidado de persoas dependentes, un servizo cada vez máis demandado dado o envellecemento crecente da poboación. O custe do curso é de 15 euros ao mes para os residentes en Cambados e de 30 euros se son de fóra.

As clases impartiranse no salón Peña -na imaxe- entre os meses de febreiro e abril, aínda que non hai unha data concreta para o inicio do curso, pois agardarase ata completar as quince prazas previstas. Tamén pode comezar con menos persoas se non se cobren todas as prazas. Para inscribirse cómpre facelo chamando ao número de teléfono 886 2037 63, onde se facilitará toda a información relativa a este curso

Por outra banda, a Asociación Mulleres Salgadas e o Concello de Cambados organizan un curso de Habilidades Dixitais destinado a mulleres do mar, de carácter gratuíto e con dez prazas dispoñibles. Impartirase na casa de cultura de Corvillón os martes de cada semana durante os meses de febreiro, marzo abril e maio en horario de 17.30 a 20 horas.

A iniciativa dá continuidade ao curso realizado a finais de 2022 sobre capacitación dixital básica e amplía os coñecementos adquiridos. As materias a abordar centraranse no manexo das redes sociais e nas tecnoloxías dixitais necesarias para tramitacións coas administracións, como o caso das sedes electrónicas. O prazo de inscripción xa está aberto a través do teléfono 619 17 60 70.