Araceli Bugallo faise co bronce na proba madrileña do Circuíto Europeo Máster

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

CEDIDA

A cambadesa sumou o segundo posto na Liga Nacional

15 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A tiradora cambadesa Araceli Bugallo volveu a pasada fin de semana de Madrid coa satisfacción de terse subido por dúas veces ao podio. A primeira delas, nada menos que para recoller o recoñecemento á terceira mellor deportista na parada española do Circuíto Europeo Máster de Espada.

Con máis de 60 participantes no cadro feminino, a cita, para tiradoras a partir dos 50 anos, levou a Araceli Bugallo ata as semifinais tras deixar no camiño á colombiana afincada en España Rosa Cano e a madrileña Marta Torre antes de baterse coa húngara Monika Arnold. A maxiar venceu a galega por un axustado 10-9, facéndose despois co triunfo na final marchando de España no segundo posto da clasificación xeral do Circuíto Europeo Máster.

Un día máis tarde, Araceli Bugallo participou na segunda proba da Liga Nacional Máster de Espada. A competición volveuna emparellar con Rosa Cano, só que desta volta xa na final e cun resultado moi diferente ao do sábado. Do triunfo galego o sábado por 10-7, o duelo dominical rematou con 10-2 para Cano. A vindeira cita da Liga Nacional será en Santiago no mes de febreiro.