O curso que regala ordenadores terá segunda edición en Cambados

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Mónica Irago

43 mulleres participaron no programa «Galegas Dixitais» que se clausurou hoxe

07 nov 2022 . Actualizado a las 15:51 h.

Un total de 43 mulleres recibiron este luns o título oficial acreditativo do programa «Galegas Dixitais» organizado pola concellería de Igualdade de Cambados para favorecer a empregabilidade feminina. Tratase dun plan gratuíto financiado cos fondos europeos Next Generation xestionados pola Xunta de Galicia que, ademais de formar ás participantes competencias dixitais básicas, avanzadas e para o emprendemento, agasalla ás alumnas cun ordenador portátil e unha webcam.

O acto de clausura do curso foi presidido polo alcalde de Cambados, Samuel Lago, quen destacou «a importancia deste tipo de formación de alta demanda e para a que na maior parte dos casos hai que recorrer a academias privadas ou depender de tutoriais ou auto aprendizaxe». O rexedor felicitou as participantes polo seu interese na aprendizaxe e animounas a seguir formándose para obter unha mellor capacitación laboral.

Ante a boa acollida do programa, que tivo que ampliar horarios en sesións de maña e tarde dada a alta demanda, a concelleira de Igualdade, Fátima Abal, avanza que está traballando para organizar unha segunda edición proximamente, previsiblemente en xaneiro do vindeiro ano. Segundo explica Fátima Abal, o programa «Galegas Dixitais» pretende mellorar as capacidades dixitais de mulleres en xeral, pero, prioritariamente, de mulleres desempregadas residentes en zonas rurais. «Ademais de favorecer a empregabilidade, o obxetivo é impulsar o emprendemiento e desenvolvemento rural, así como reducir a fenda de xénero», indica a concelleira.

O curso desenvolveuse no viviveiro de empresas situado no polígono Sete Pías de Cambados e cada acción formativa tivo unha duración de 40 horas.

Tamén no Grove

Cambados non é único municipio a onde chega este programa dirixido a mulleres no eido das novas tecnoloxías. No Grove tamén se impartirá esta formación a partir desta semana e alí as participantes tamén recibirán un ordenador de agasallo por parte da organización.