O Club Ciclista Cultural de Cambados volve á vida con máis de medio cento de corredores

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

CEDIDA

Un grupo de nove antigos integrantes refundan o equipo, que regresará á competición no 2023 nas modalidades de ciclismo de estrada e de montaña e tamén en tríatlon

03 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O deporte arousán, en particular, e o ciclismo galego, en xeral, teñen un bo motivo para a celebración. Logo de 22 anos desde a desaparición do seu equipo sénior, con Gustavo César Veloso dando xusto entón o salto ao profesionalismo desde as súas filas, e tras a disolución no 2005 da súa escola, o Club Ciclista Cultural Cambados volverá rodar polas estradas no 2023. E desta volta, non só en probas de estrada, tamén de montaña e ampliando o seu horizonte cunha sección de tríatlon. Todo, grazas ao empeño dun grupo de nove ex corredores que, desde a pasada primavera, traballan na refundación dun club que o vindeiro ano soprará 50 velas tras case dúas décadas subsistindo pola pura vontade dun dos seus pais fundadores, Ernesto Falcón Padín, limitando a súa actividade á de organizador de carreiras, principalmente o Gran Premio do Albariño.

O pasamento de Ernesto a finais do ano pasado foi o detonante do paso á fronte deste grupo de ex ciclistas do club, con Tito Fariña en calidade de presidente, Ernesto Falcón Prado, fillo do último alma máter do C.C.C. Cambados, botando unha man pese a vivir fóra de Galicia, e con Antonio Casal, Toti, en labores de tesourería. «A raíz del fallecimiento de Ernesto había dos opciones, dejar morir el club o cogerlo», conta Toti á hora de explicar que os levou a non permitir a primeira das opcións. A que tería posto o punto final á historia dunha entidade que a finais dos 70 e comezos dos 80 figuraba entre as grandes escadras do ciclismo afeccionado español, chegando a reunir o mesmo ano a dous grandes do deporte galego das dúas rodas como Álvaro Pino e José Teixeira, xunto ao cambadés Modesto Sánchez, pai do hoxe corredor profesional Ángel Sánchez e fillo de Teto, cofundador xunto a Ernesto Falcón do Gran Premio do Albariño, en 1968, e do propio C.C.C. Cambados, en 1973. 

Tras decidir ir adiante, o grupo de Fariña e de Toti trazou unha folla de ruta sobre unha premisa innegociable: «No fijarnos objetivos hasta ver que tengamos capacidad para conseguirlos», sinala o tesoureiro. A partir daquí, comenta: «La primera decisión fue reactivar el club. El club existía, pero no tenía licencias federativas, solo organizaba pruebas, y hace unos años un cambio en la ley obligó a las entidades deportivas a modificar sus estatutos, algo que no se hizo en su momento en el C.C.C. Cambados, que desde entonces quedó en suspenso».

Mentres traballaba en completar o árido trámite administrativo correspondente, flanco que ten próximo a rematar, a directiva da sociedade cambadesa decidiu coller o testemuño do finado Ernesto Falcón e organizar, o 9 de xullo, a edición deste ano do Gran Premio do Albariño, ademais de colaborar, coma Ernesto, coa Federación Galega de Ciclismo na loxística da Ruta do Albariño.

A partir de aquí, e avanzada a inscrición do club tanto para ciclismo coma para tríatlon, os refundadores acordaron recuperar o equipo elite e sub 23 do C.C.C. Cambados, . O mes pasado convocaron unha xuntanza para todo aquel interesado e a resposta non puido ser mellor: «El objetivo este primer año era generar una masa mínima de 50 socios. Vamos ya con 56», informa Toti. Pendentes de coñecer os calendarios de competición do 2023 das dúas federacións deportivas para determinar as carreiras ás que acudirán, este luns a primeira xeración de ciclistas do C.C.C. Cambados en máis de dúas décadas xa probou a roupa que distinguirá a escadra no pelotón. Sobre a base dunha antiga equipación do club, e tras un traballo de deseño man a man entre o grupo de Tito Fariña e a empresa téxtil, o resultado, di Toti é que: «Quedó bastante chulo». Outro pequeno paso máis cara a devolver a Cambados a súa antiga condición de gran praza do ciclismo galego.

Recuperar a escola de formación, unha opción de futuro

«Mucha gente nos preguntó si íbamos a tener base, pero este primer año va a ser todo categoría sénior». Antonio Casal, Toti, o tesoureiro do Club Ciclista Cultural Cambados, reitera a premisa coa que o grupo de ex corredores está a traballar na refundación do club: «La directiva cree que no es conveniente marcarse demasiados retos ambiciosos, porque se nos podrían hacer bola». 

Dito o anterior, Toti declara o sentir do seu grupo: «Todo club deportivo, sea del deporte que sea, uno de los objetivos que debe tener es generar su propia base». Sendo así, o tesoureiro do C.C.C. Cambados engade: «A ver cómo respondemos este primer año. No descartamos montar una escuela. Pero, ¿cuál puede ser el prazo? No lo sabemos».

Facer de novo o tríatlon popular local, entre os plans

Entre os obxectivos marcados pola nova directiva do Club Ciclista Cultural Cambados para o 2023, no quincuaxésimo aniversario da entidade, figura a recuperación do tríatlon popular de distancia olímpica que, brevemente, organizaran o club de atletismo local e o Concello a finais da década pasada.

Cos pés no chan, os promotores do regreso do C.C.C. Cambados á escena competitiva fixeron da solidez económica do seu proxecto unha das súas prioridades na listaxe de deberes por cubrir. E así, conta o seu tesoureiro, os equipos sénior de ciclismo e de tríatlon suman xa con tres patrocinadores pechados.