A cambadesa Uxía Rodríguez acudirá ao seu primeiro mundial de ximnasia de trampolín

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

CEDIDA

Competirá en Bulgaria do día 23 ao 26 en dúas modalidades, coa súa familia debendo sufragar todos os gastos 

01 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A capacidade dos deportistas arousáns para conquistar novos espazos ao máximo nivel ten unha nova mostra na figura de Uxía Rodríguez Fernández. A cambadesa de 12 anos converteráse este mes na primeira ximnasta da comarca en competir coa selección española de ximnasia de trampolín. Faráo na maior das citas da súa especialidade e categoría (11 e 12 anos), o Campionato do Mundo por Idades que se celebrará entre os días 23 e 26 na capital de Bulgaria, Sofía, disputando os cadros de dobre minitramp (DMT) e de tumbling.

Deportista do Clube Ximnasia Burgas, continuidade do antigo Clube Ximnasia Pontevedra, no que se iniciou con só 6 anos, Uxía foi seleccionada pola Federación Española de Ximnasia na súa calidade de dobre campioa nacional das dúas modalidades nas que debutará nunha gran competición de seleccións estatais. Unha estrea que debería terse producido xa o ano pasado, cando foi preseleccionada para competir no cadro de dobre minitramp do Mundial só que, inda metidos de cheo na pandemia, a Federación acabou optando por enviar ao Campionato do Mundo de Bakú (Azerbaián) só a deportistas de 15 anos en diante.

Aquilo foi «un chasco para ela», conta María Fernández, a nai de Uxía, que xunto co seu marido e coa filla maior, Naia, que optou por especializarse en ximnasia acrobática, viaxarán pola súa conta a Bulgaria para gozar da experiencia sendo que, di: «Ao mellor imos ter unha oportunidade na vida de ver a Uxía nun Mundial».

A costa da economía familiar

Uxía Rodríguez, que desde o ano pasado adestra co Club Sieiro Acrobacia de Vigo inda que segue a competir co Burgas, gañou no tapiz o dereito de disputar o Mundial con España. Mais que o vaia facer só é posible polo sacrificio da súa familia. E é que, explica a matriarca dos Rodríguez Fernández, a Federación Española de Trampolín non sufraga máis ca equipación dos deportistas. Todos os outros gastos de participación, desde os voos de ida e de volta a Sofía á manutención durante os nove días que a selección pasará en Bulgaria, do 19 ao 27 deste mes, corren a cargo das familias dos ximnastas menores de idade. Ata o custo das inscricións no campionato, no caso de Uxía, multiplicado este último por dous ao representar a España en dúas modalidades. En total, uns 2.000 euros.