Eloxio do viño

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

CAMBADOS

siro

30 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cambados disponse a celebrar a Festa do viño Albariño e eu, que levo 22 anos sen mollar a palleta máis que con auga e sigo recordando con nostalxia os meus anos de bebedor, aproveito o evento para facer un sentido eloxio do viño e felicitar a cantos poden gozalo.

En realidade o eloxio está feito, mesmo en textos sagrados. Na Biblia, lemos no Salmo 104: «O viño alegra o corazón humano»; e o Talmud recoñece que «non hai alegría sen viño». Por iso non pode estrañarnos que Noé levase na arca unha vide e a plantase en canto baixaron as augas; nin que Xesús fixese o milagre de trocar a auga en viño nas vodas de Caná.

No decorrer do tempo moitas e moi distintas personalidades loaron as excelencias do viño. A min sorpréndenme Dante ao afirmar que o viño sementa a poesía nos corazóns; Marx ao desconfiar de quen non gusta do viño; Fleming ao recoñecer que a penicilina cura enfermos, pero é o viño quen os fai felices; e o actor Humphrey Bogart cunha sentencia que non acabo de entender, pero paréceme fascinante: «O mundo enteiro ten, máis ou menos, tres vasos de viño de retraso».