«Sospeitamos que o roubo a San Benito foi obra dunha banda», di o párroco de Cambados

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

José Aldao dá por perdidas as xoias subtraídas, froito, opina, «dun seguimento» para coñecer o breve momento no que a igrexa quedou baleira no día do patrón local

13 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A vila de Cambados continuaba onte impactada polo roubo, a plena luz e no día grande do seu patrón, das medallas e cadeas de ouro e de prata que colgaban do manto da imaxe de San Benito desde, en palabras do seu párroco, José Aldao Rey, tempos inmemoriais. Un roubo perpetrado nunha marxe aproximada de media hora, entre as tres e as tres e media da tarde, calcula o sacerdote, aproveitando o único momento da xornada na que o templo permaneceu pechado e aparentemente baleiro, e na que era, ademais, a única xornada do ano na que San Benito loce as xoias que os seus devotos lle foron doando ao longo do tempo. «O resto do ano están custodiadas», desvela o párroco. Outro dato máis que o leva á seguinte conclusión: «Sospeitamos que é obra dunha banda; e a Garda Civil tamén o cre».

Convencido polos feitos de que alguén se tivo que quedar dentro da igrexa mentres os colaboradores da parroquia se daban un pequeno respiro para comer entre misa e misa e en espera da procesión vespertina, José Aldao comenta: «O único sitio no que puido quedar alguén é o espazo que hai entre a tribuna e o campanario. Os demais espazos sempre se miran». O primeiro non, porque conta cunha porta de acceso na planta baixa que se pecha con chave. Pero claro, sinala o cura: «Desde a tribuna abaixo é factible saltar, ou colgarse coas mans para deixarse caer, quen o quere facer. Estas persoas están acostumadas».

O responsable da Igrexa de San Benito de Cambados fala como fala con absoluto convencemento de causa: «Non sospeitamos de ninguén, pero o que si sabemos é que foi unha cousa orquestrada. As persoas que o fixeron, e falamos en plural, porque alguén quedou fóra para avisar, sabían que se paraba a unha hora para comer. É froito dun seguimento». E se ben puntualiza que «falamos dunha conxectura», engade, tamén «dun feito real, que non se producira nunca», a lo menos desde que José Aldao é párroco do templo aos pés da praza de Fefiñáns, camiño xa dos 58 anos. Faino salientando a seguridade máxima que manteñen por norma na parroquia o día de San Benito: «Ao mediodía, cando se vai pechar a igrexa, o diñeiro dos donativos vai para o banco, e ás dez e media da noite veñen directamente do banco para levar todo o que lle entregaron pola tarde a San Benito», incluídos os billetes de euros colgados no manto no seu paseo procesional por Cambados co que, dous anos despois, se puido volver pechar a súa festividade. Tras o suceso, José Aldao teno claro: «Non imos deixar nada de valor o ano que vén» se nalgún momento o templo queda sen vixilancia.

O sacerdote, que onte asinou persoalmente a denuncia do roubo na Garda Civil e mandou copia da mesma ao seguro, lembra que «as igrexas son buscadas por bandas». Sobre a posibilidade de que a Garda Civil recupere os obxectos de ouro e de prata subtraídos, José Aldao é taxante: «Non confío en que se recuperen. Os devotos de San Benito din ‘Quen sabe...’ Eu prefiro ser realista».