O enoturismo gaña posicións en Cambados

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

cedida

«As cifras recollidas pola oficina de turismo demostran que as persoas que visitan Cambados manteñen un interese crecente polo enoturismo e a Ruta Rías Baixas», sostén o alcalde na asemblea de Acevin

24 jun 2022 . Actualizado a las 21:00 h.

O alcalde de Cambados, Samuel Lago, participou esta semana na XXVIII Asemblea Xeral da Asociación Española de Cidades do Viño, Acevin, que se celebrou este na cidade burgalesa de Aranda del Duero, atendendo á súa designación como Cidade Europea do Viño 2022. Ademais de asistir a diferentes actividades e visitas a adegas da denominación de orixe Ribera del Duero, o rexedor acudiu á asemblea xeral dos 70 municipios e 36 rutas do viño certificadas neste organismo, entre elas a Ruta Rías Baixas.

No encontro anual someteuse a análise a promoción enoturística realizada este ano a nivel nacional e internacional tras a reactivación do sector unha vez superada a pandemia, e establecéronse accións de futuro.

«As cifras recollidas pola oficina de turismo demostran que as persoas que visitan Cambados manteñen un interese crecente polo enoturismo e a Ruta Rías Baixas xa que ofrece un modelo baseado en entornos rurais e naturais, alexados de aglomeracións», segundo indica o alcalde. No plan de traballo establecéronse os obxetivos que ACEVIN afrontará nos próximos catro anos nos que presidirá a Rede Europea de Cidades do Viño (RECEVIN), baixo a presidencia de Rosa Melchor, alcaldesa de Alcázar de San Juan, en Ciudad Real.

As propostas estarán centradas na busca de novos países de cultura vitivinícola que se incorporen á rede, á que actualmente pertencen tres asociacións de enoturismo: a Associação de Municípios Portugueses do Vinho (Portugal), a Associazione Nationale Città del Vino (Italia) e a propia Asociación Española de Cidades do Viño. Na asemblea xeral tamén se aprobou a integración dunha nova Ruta do Viño, a da DO Méntrida-Toledo, que agrupa a once municipios.

Con esta incorporación xa son 36 as Rutas do Viño de España e está previsto que nos próximos meses se sume tamén a de Uclés, en Cuenca.