Uxía Rodríguez, dobre campioa nacional de ximnasia de trampolín cun salto nunca visto na súa idade en España

CAMBADOS

Cedido

A cambadesa, de 12 anos, marcouse un fliffis en dobre minitramp

15 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A cambadesa Uxía Rodríguez Fernández deu a pasada fin de semana un novo paso adiante na súa prometedora carreira na ximnasia de trampolín. Proclamándose no Pavillón Paco Paz de Ourense dobre campioa de España, ao encadear os títulos de mellor especialista de tumbling e de dobre minitramp na súa categoría (elite 11-12 anos). Pero tamén pola forma de facelo. Deixando coa boca aberta os técnicos das súas rivais na última das dúas modalidades, a de DMT. E é que, sinala a nai da arousá, a súa filla foi a primeira ximnasta española da súa idade en executar un fliffis.

E que é un fliffis? Pois trátase dun dobre salto mortal cun xiro. Un movemento dunha extrema esixencia para deportistas tan novas coma Uxía, cuxa valentía e a dos seus adestradores do Club Sieiro de Vigo apostando por ela e mentalizándoa de que sería quen de executalo lle valeu á postre o título nacional. Así o reflicte a clasificación da final, na que a galega gañou con 23,500 puntos, polos 22,350 da manchega Belén del Rosario Sánchez. Esta última conseguiu dos xuíces do Campionato de España a mellor puntuación no capítulo de execución, 19,550 polos 19,100 de Uxía, pero nada puido facer na valoración da dificultade do único salto co que cada rapaza competía na final, obtendo 2,800 puntos, polos 4,400 da campioa.