Que facer a fin de semana

La Voz

CAMBADOS

MARTINA MISER

Albariño no Camiño volve encher a axenda de Cambados. En Vilagarcía seguirá soando a música clásica co Clasclás e haberá concertos en Valga e Cambados da man de Heredeiros da Crus e de Inmaculate Fools

02 jul 2022 . Actualizado a las 16:50 h.

Xullo arrinca con forza desde o punto de vista festivo-cultural. Hai concertos para todos os gustos, desde o rock máis insolente de Toñito de Poi ata os violíns chegados de Praga, haberá tamén cine e teatro e ata olimpíadas de aldea.

Venres, 1 de xullo

Arranca Albariño no Camiño en Cambados

MONICA IRAGO

Albariño no Camiño chega da man do Xacobeo e deixará tres días de actividades culturais na vila. O programa comeza o venres ás 12 horas no Museo do Viño coa inauguración da exposición «A historia do Albariño en carteis», na que se mostran os carteis das setenta edicións da Festa do Albariño. A esa hora tamén haberá a cata inaugural co Rías Baixas premiado no 2021 no concurso do Albariño. Unha hora despois abrirase outra exposición, esta na casa da Calzada, cos viños gañadores no concurso do Albariño. Ás 18 horas comezarán as catas no pazo de Torrado e ás 20 horas sairá da capela do Hospital cara A Torre de San Sadurniño a primeira das andainas teatralizadas a cargo de Teatro no Garaxe. Para ambas actividades, catas e teatro, é precisa inscrición previa no pazo de Torrado ou chamando ao teléfono 610 703 225. Ás 21 horas será a primeira das actuacións musicais no parque de Torrado con Señora Dj, Teburtalina e Ortiga.

  • onde: parque de Torrado, casa da Calzada e Museo do viño

  • A que hora: todo o día

Sigue o Clasclás en Vilagarcía

MONICA IRAGO

O concerto programado para este venres no Festival Internacional de Música Clásica de Vilagarcía, Clasclás, a cargo do Cuarteto Quiroga tivo que ser cancelado por enfermidade. O concerto non queda suspendido senón que será recuperado en outra data aínda por determinar. A actuación do Cuarteto Quiroga será substituída por un novo concerto do Trío Guarneri de Praga, que terá lugar no mesmo escenario, o auditorio de Vilagarcía, e á mesma hora, ás 21 horas. As entradas para este concerto son de balde se ben é preciso retiralas con anterioridade en ataquilla.com.

  • onde: auditorio de Vilagarcía

  • A que hora: 21 horas

Documental en O Grove

O Concello súmase ás actividades organizada co gallo do Día do Orgullo coa proxección do documental «Persoas S. A.», con coloquio posterior. A entrada será de balde.

  • Onde: auditorio municipal

  • Cando: 20 horas

Teresa Pérez Tilve presenta libro en Vilanova

A igrexa da Pastoriza, en Vilanova acolle a presentación do último libro de Teresa Pérez Tilve, «Mulleres de rocha e area», publicado por Edicións Fervenza. No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, a autora estará acompañada da mariscadora e cofundadora da asociación Féminas en Acción, María José Caneda, e a mariscadora e poeta Obdulia Piñeiro. «Mulleres de rocha e area» é unha obra xerminada pola curiosidade que espertaba para a autora unha profesión tan antiga como a de mariscadora, mais sendo unha muller de interior, por iso, cando comezou a pasar longas tempadas en Vilanova empezou a valorar a importancia da acuicultura e o esforzo das persoas que dela viven. 

  • onde: igrexa da pastoriza

  • cando: 20 horas

Acto literario en Vilagarcía

O parque Miguel Hernández acolle a presentación de «Edénicas», Premio de poesía erótica Illas Sisargas, de Andrea Fernández Maneiro. No acto participarán a escritora Patricia Torrado, o editor Eduardo Estévez e o músico Manuel Dopico. 

  • Onde: parque Miguel Hernández

  • Cando: 20 horas

Sábado, 2 de xullo

Inmaculate Fools e moito máis en Torrado

Albariño no Camiño prosegue con moita música. O prato forte da xornada é o grupo Inmaculate Fools que subirá ao escenario logo da actuación, ás dez da noite, de Antía Muíño. Antes, na sesión vermú, ás 13 horas, haberá ocasión de escoitar ao músico cambadés Isi Vaamonde. O día arrancará cunha conferencia a cargo de César M. González Crespón baixo o título «O Camiño sabe a albariño». Ás 12  e 17 horas haberá obradoiros infantís; ás 12.30 e ás 17 horas celebraranse as catas e ás 20 horas será a segunda das andainas teatralizadas, agora desde Torrado a Santa Mariña.

  • Onde: parque de Torrado

  • A que hora: todo o día

Máis música clásica

O festival Clasclás de Vilagarcía afronta a súa última entrega coa actuación do quinteto de metais Genebra Brass, que interpretará once pezas de autores como Lew Pollack e Calixa Lavallée. Entrada de balde con reserva previa en ataquilla.com

  • Onde: Auditoro de Vilagarcía.

  • Cando: 21 horas

Deporte de aldea en Meis e Valga

MONICA IRAGO

As festas de San Bieito en Meis comezan con deporte, en concreto co segundo Torneo interparroquial Concello de Meis, a partir das dez da mañá no campo de fútbol de Mosteiro. En Valga tamén será día de queimar calorías e de diversión coas Olimpíadas de Aldea en Vilarello. Poden participar equipos formados por un mínimo de catro persoas e un máximo de seis, todos a partir de 15 anos de idade. Os equipos serán mixtos e contarán cun mínimo de dúas persoas de cada xénero. Disputaranse simultaneamente ata cinco xogos e deportes: fútbol praia, brilé, carreiras de sacos, o cangrexo e unha xincana. En cada un outorgaranse as correspondentes medallas douradas e prateadas aos primeiros e segundos clasificados, ademais de gratificalos con 200 e 100 euros respectivamente. En total, repartiranse 1.500 euros en premios.

Heredeiros da Crus en Valga

DAVID COSTAS

A emblemática banda do Barbanza Heredeiros da Crus encabeza o cartel musical da Festa da Xuventude dentro da xira coa que celebra os seus 30 anos sobre os escenarios. Repasarán os seus grandes éxitos e presentarán o seu último álbum, «Derretidos» publicado en 2019, pero cuxa promoción se viu limitada pola pandemia. En Vilarello estarán acompañados polos Festicultores, que abrirán as actuacións musicais a partir das 22.30 horas. Os autodenominados «cultivadores de festas» ofrecerán un espectáculo dinámico combinando temas propios con cancións tradicionais versionadas ao seu estilo festivo, co que o humor, a diversión e o baile están garantidos.

  • Onde: praia de Vilarello

  • Cando: 22.30 horas

 Dornas en Cambados

MONICA IRAGO

A quinta edición da Regata do Salnés do dornas a vela, organizada pola asociación A Torre, sairá ás 16.30 horas desde A Torre. A proba consiste en dúas voltas a un triángulo entre San Tomé, O Carreirón y A Toxa. Está prevista a participación dunhas trinta embarcacións chegadas da Illa, O Grove, Portonovo, Combarro, Vigo e, por suposto, Cambados. Esta proba puntúa para o campionato galego, Copa Mörling, que inclúe próximas regatas na ría, caso da Regata dos Faros do Grove, o 30 de xullo, e o Triángulo do Cantiño, do 6 de agosto.

  • Onde: saída da Torre de San Sadurniño

  • Cando: 16.30 horas

Serán en Pontecesures

O Ghaitellón, creado en 2011, volve para deixar soar as gaitas e as pandeiretas da man da asociación Xarandeira que non queren que se perda o seu serán, e teñen organizado para este sábado unha nova edición da súa festa. O obxectivo é recuperar a música e o baile tradicional tras o pau que supuxo o covid.

  • onde: Peirao de Pontecesures

  • Cando: 18 horas

Domingo, 3 de xullo

Broche a Albariño no Camiño

M.MORALEJO

A xornada comezará ás 12 horas con obradoiros infantís e as catas en Torrado, seguirá ás 13.30 co concerto de Faia e proseguirá ás cinco da tarde cunha nova entrega, a última, dos obradoiros para nenos e as catas de albariño. Ás 19 horas actuará Magín Blanco e a Banda das Apertas, e ás 20 horas, Teatro no Garaxe realizará a terceira andaina desde a praza de Fefiñáns ata o muíño da Seca. A partir das nove da tardiña Os Camiños da Música transitaranse con Caamaño&Ameixeiras e Sheila Patricia.

  • Onde: parque de Torrado

  • Cando: todo o día

Contacontos no Grove

Prosegue o programa do Día do Orgullo, agora con actividades na rúa. Niko Elsker protagonizará o contacontos Contos Invertidos, na zona peonil da rúa Castelao, unha peza que combina tres historias en formato de narración oral, pensado para un público a partir de dez anos.

  • onde: rua Castelao

  • A que hora: 13 horas

Arosa Bay en Vilanova

Comeza a programación das Sonatas de Verán co concerto de Arosa Bay, no xardín Umbrío, ás 21.30 horas.