Xosé María Dobarro recollerá o venres en Cambados o premio Ramón Cabanillas

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

O catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña será recoñecido na edición número 18 do galardón

01 jun 2022 . Actualizado a las 11:35 h.

O Concello de Cambados e as librarías da localidade veñen de lle conceder a Xosé María Dobarro o premio Ramón Cabanillas na súa edición número 18. Trátase dun catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña que ten elaborado varios traballos sobre a obra do Poeta da Raza, uns traballos que «ben merecen un premio».

Ademais de recibir un busto de Cabanillas, o profesor será obxecto dunha homenaxe pública que se desenvolverá o venres, ás oito da tarde, no auditorio municipal da Xuventude. No acto tomará a palabra Francisco Fernández Rei, membro da Real Academia Galega. Ademais, haberá un recital de poemas do autor cambadés, que correrá por conta de Teatro Garaxe. E por último, haberá un concerto de Juan Carlos Cambas e Rosa Leiro.

O legado do poeta

O mesmo venres, día do aniversario do nacemento do autor cambadés, ademais de se entregar o premio que leva o seu nome vaise proceder á sinatura, coa súa familia, para a cesión do seu legado ao Concello. Esta administración ten posto en marcha un novo museo na honra do maior do seus escritores, un centro que segundo explicou o concelleiro de Cultura, Tino Cordal, está a recibir un importante número de visitas tanto de institutos coma doutros tipos de entidades e organizacións.