A obra máis íntima e persoal de Lucas Míguez, un artista con vida de novela

Jose Vaamonde CAMBADOS

CAMBADOS

Martina Miser

«Visións da memoria» pode verse no Espazo Torrado de Cambados ata o 3 de xullo

24 may 2022 . Actualizado a las 14:52 h.

Enriba dun outeiro no lugar de Redondelo, na parroquia de San Salvador de Meis, vive e traballa desde fai vinte anos, Olimpio Javier Míguez Mosquera (Mos, 1944), máis coñecido co nome artístico de Lucas Míguez. A verdade é que a súa vida podería servir como inspiración para unha novela de Joseph Conrad. Logo de pasar polas facultades de Belas Artes de Sevilla e Valencia, remata a súa formación na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, en Madrid. Entre tanto pasa dúas veces polo cárcere en curtos períodos de tempo debido á represión franquista que se exercía nas universidades, e nunha delas será defendido por un novo avogado de oficio que comezaba a súa carreira. Este mozo letrado chamábase Felipe González. Logo de rematar os estudos é chamado a filas, e grazas á súa atinada puntería, ou máis ben por desgraza, é trasladado ao Sáhara, acompañado dun rifle Mauser e uns prismáticos, onde prestará servizo militar no corpo de francotiradores. Era o ano 1967. Logo regresa á península e durante un par de anos traballará entre Vigo e Pontevedra facendo encargos escultóricos para unha empresa propiedade de Ángel Beiras, irmán do político nacionalista. Nestes anos formarase tamén como arquitecto de interiores.

Con vinte e cinco anos casa coa súa actual muller, Susana Wang Shu-Hua, tamén alumna da Academia de San Fernando e moi boa retratista. Viaxa a Taiwan onde nacerán os seus dous fillos e durante vinte e nove anos traballará en case todos os países asiáticos. A través dunha empresa de cerámica xaponesa, Maruri Shoikai, marchan a vivir ao novo continente. Dezasete anos cruzando a fronteira entre Texas, onde viven, e Piedras Negras, Coahuila, en México, onde traballa como director creativo. Viaxar cun revólver no coche farase tan normal como levar unha roda de reposto. Regresa no ano 2000 a Galicia. Aínda que Lucas Míguez é coñecido e recoñecido pola súa obra pública, representando aos personaxes históricos e literarios do Salnés, ou facendo encargos de carácter privado, a obra que traemos a Torrado é a máis íntima e persoal do autor, menos coñecida pero máis auténtica. É a visión da súa memoria, a expresión do seu temperamento.

Trinta debuxos a grafito ou carbón sobre papel, de diversos tamaños, recuperados do seu obradoiro. Ensoñacións, debuxos de carácter surrealista, oníricas escenas cargadas dunha poética e dun simbolismo moi persoal. Moitas das composicións en forma de cruz onde personaxes, animais e unhas constantes e inquedantes bolsas, cásulos ou membranas das que dun momento a outro poden saír seres innomeables, propios do seu mundo soñado. O grafo negro sobre fondo branco. Ese negro que describe o soño. Ese branco que é o silencio.