Cordal: «Cambados é unha das vilas máis seguras da provincia»

b. c. CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

O concelleiro de Seguridade da vila do albariño salienta a ausencia de roubos con violencia na localidade durante o 2021

05 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Cambados é unha das vilas máis seguras da provincia». As palabras son do concelleiro de Seguridade, Tino Cordal, e a súa rotundidade non é gratuíta, afirma. Así llo manifestaron desde a Garda Civil, e aporta un dato: o ano pasado e no que vai do 2022 non se rexistrou ningún roubo con violencia no municipio. Iso non quita para que nos últimos tempos houbera algunhas incidencias, caso da entrada en coches no garaxe da Xuventude ou o asalto que sufriu unha veciña en Fefiñáns o pasado xaneiro—, pero, en termos xerais, insiste Cordal, Cambados presenta uns índices delitivos por debaixo da media, en contra da impresión que podería quedar tras algunhas información erróneas publicadas días atrás.

De velar por manter esta seguridade encárganse a Garda Civil e a Policía Local de Cambados, que manteñen unha colaboración «excelente», segundo apunta o edil, e que se reforzará no verán. Logo de dous anos sen Albariño e con máis días de festa que nunca, en Cambados esperan recibir unha multitude a primeira semana de agosto e iso obrigará a aumentar a presenza dos servizos de seguridade na rúa con axentes propios, con reforzos chegados doutros municipios e co centro de mando que cada ano se solicita á Axencia de Emerxencias de Galicia. Cordal convocará despois da Semana Santa a Xunta Local de Seguridade na que se organizará o dispositivo da Festa do Albariño e haberá oportunidade de falar doutras cuestións.

En materia loxística, avecíñanse cambios importantes porque tanto a Garda Civil como a policía local van cambiar de sede antes de rematar o 2024. Os primeiros trasladaranse ao novo cuartel que se construirá na calle Valle-Inclán e os segundos farano ao edificio social da Mercede. A previsión do concelleiro é que, antes de acabar o mandato, a policía estea instalada na planta baixa do inmoble próximo ao Pombal, para o cal será preciso facer pequenas obras de reforma. Tampouco descarta recuperar o servizo de patrullas nocturnas algúns fins de semana, se ben iso vai depender dos recursos económico dispoñibles, engade o edil.