O acto será o vernes, ás 20 horas, en Exposalnés
30 mar 2022 . Actualizado a las 14:04 h.A concellaría de Cultura de Cambados continúa programando presentacións de obras literarias na casa de Calzada (Exposalnés). Este venres, ás 20 horas, é a quenda de Susana García Nájera, que chega con Saudade, coa que obtivo o terceiro Premio Nacional de Novela de Ateneo Mercantil de Valencia e foi publicada pola editorial Olé libros.
O libro conta a historía de Patricia, profesora da Universidade de L’ Aquila, que desaparece tras un terremoto, a súa irmá xemelga, Teresa, e a súa nai, Estrela, viaxan desde Madrid ata esa rexión italiana dos Abruzos, pero a procura non é fácil e menos no medio dunha cidade devastada. Tratando de pescudar os últimos pasos de Patricia, as mulleres descobren a súa conexión con Antía, a avoa que na actualidade vive en Cambados. «Xunto a Antía e outros personaxes remontarémonos aos tempos da posguerra en España, da pobreza, a falta de recursos, a vida dura das mariscadoras das Rías Baixas e a emigración galega a América a mediados do século XX; tamén percorreremos os emblemáticos anos sesenta en Madrid e o terrible terremoto que arrasou L’ Aquila en 2009. As paisaxes e a atmosfera de Cambados, Madrid e L’ Aquila convértense nun personaxe máis e, como tal, inflúe e determina a vida dos protagonistas», segundo explican desde a concellería.
Saudade está ambientada dunha forma real e contemporánea que en ocasións roza un mundo máxico onde o sobrenatural fúndese co cotián e así se reflicte desde o primeiro parágrafo da novela.
Susana García Nájera é unha escritora madrileña, licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Alcalá de Henares e Filoloxía Inglesa pola Universidade Autónoma de Madrid. Entre uns estudos e outros, viviu longas tempadas en Londres, Pisa e París, grazas a programas e bolsas universitarias. Desde entón, as súas constantes foron viaxar, escribir e ler. Desde 2007, é alumna da Escola de Escritores de Madrid.
Publicou coa editorial Talentura dous libros de relatos, Cicatrices a las once e La teoría de los momentos e colaborou en distintas antoloxías de contos como Es raro olvidarlo todo, Cuando fuimos malos e Ya nadie pida los charcos.