Adeus a Gina a do Peixe, icónica pescantina e parte do imaxinario meco

L. Castro O GROVE / LA VOZ

CAMBADOS

CEDIDA

A súa imaxe coa patela na cabeza quedou gravada na retina dos grovenses

15 mar 2022 . Actualizado a las 20:47 h.

Hai persoas que pola súa traxectoria e o seu facer pasan a formar parte do imaxinario popular dun pobo. Ese é o caso de Peregrina Prol, Gina a do Peixe, unha muller que dedicou toda a súa vida á venda directa do mesmo, ofrecéndoo casa por casa. Incansable coa súa patela á cabeza, moitos en O Grove xirabámonos ao vela pasar con esa destreza tan característica, xa que endexamais se lle movía do pano que levaba atado e formaba parte da súa indumentaria. A pasada fin de semana a súa vida apagábase tras noventa intensos anos, causando un gran pesar a todos os que dalgún xeito ou outro a coñeceron.

Moitos lembrámola na porta da casa das nosas avoas, facendo negocio con elas. Era incrible o ollo que tiña, indo sen báscula, para acertar no peso dos exemplares, e nunca erraba. Hai xa tempo, dende que se xubilou, que non se deixaba ver pola rúa, e a pesares diso a súa imaxe segue na retina de moitos que a viamos pasar. Granxeou mil amizades entre as pescantinas e os traballadores da lonxa, que hoxe desfanse en agarimo cara a súa familia, porque era unha muller á que lle apaixonaba o seu traballo. E as súas pezas chegaban máis aló do Bao, posto que tamén acudía ás vilas de arredor, ata incluso collía o barco para ir vender o peixe a Cambados. Unha vida que daría para un libro, e moitas anécdotas que agora marchan con ela.

O historiador Francisco Meis, consciente de que forma parte da historia da localidade, lémbraa deste xeito: «Delgada, ata atreveríame a dicir de aspecto fráxil, ocultaba naqueles ollos as mulleres de ferro, mulleres curtidas na salitre, mulleres de onte; desas que levantaron familias soas a base de interminables horas de sacrificio e traballo». Unha descrición moi axeitada, que di bastante de cómo foi a súa vida. Unha muller de carácter que foi tamén galardoada cun dos premios Meca no ano 2008. Non podía ser doutro xeito, porque, como moi acertadamente engade Meis: «As vilas fanas as persoas, ese inmenso patrimonio humano onde destacan algunhas, xenuínas, únicas, que nos fan diferentes, que nos dan identidade». Gina era unha delas.