Somos volve reclamar a sede de Rías Baixas para Cambados

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

CAPOTILLO

Malestar na formación que lidera Tino Cordal por se ter convocado a asamblea da Ruta do Viño Rías Baixas en Pontevedra

25 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A convocatoria da asemblea xeral ordinaria da Asociación Ruta do Viño Rías Baixas vén de provocar o enfado do grupo de Somos Cambados. O seu portavoz, Tino Cordal, explicou onte que o encontro foi convocado para este xoves en Pontevedra, algo que a súa formación rexeita de forma radical, toda vez que «a sede da Asociación Ruta do Viño Rías Baixas está en Cambados, na rúa do Príncipe nº 10, no baixo do Pazo de Torrado, local que foi acondicionado polo Concello de Cambados para o traballo administrativo e a atención ao público». A necesidade dun espazo maior por cuestión de aforos non vale para explicar esta convocatoria en Pontevedra, xa que «poderían facela na Casa da Calzada, no Museo do Viño ou no auditorio municipal da Xuventude, por citar tres posibles espazos para esa reunión».

Esta cuestión trae ao primeiro plano da actualidade outro vello debate: o que xira arredor de cal debe ser o lugar no que estea a sede do consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas. Esta sí que está fixada, de momento, na capital da provincia. Malia todo, en Cambados non renuncian a recuperar o que, consideran, lles pertence en xustiza: que a sede da denominación estea radicada nesta vila, recoñecida por todo o mundo como capital do Albariño.

Somos «seguirá a reclamar o traslado da sede do consello a onde sempre tiña que ter estado», din desde a formación, dende onde recordan que levan dende o 2015 defendendo este mesmo posicionamento. Daquela, ese asunto fora obxecto dunha moción que fora aprobada por unanimidade polo pleno da corporación municipal cambadesa e demais concellos da comarca, así como por parte da Xunta da Mancomunidade do Salnés.

«Ademais dos apoios institucionais, Somos Cambados solicitoulles o seu apoio ás adegas e aos viticultores da denominación. O obxectivo final é, evidentemente, conseguir que a sede do consello se sitúe en Cambados. Para iso, preténdese acadar un compromiso coa Xunta e co propio consello para concretar a data na cal a sede abandone Pontevedra e comece a funcionar na capital do Albariño.», sinalan desde Somos.