O Concello de Cambados pide máis pasos de peóns e outras melloras na rede autonómica de estradas

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

MARTINA MISER

Logo de reunirse con xefe territorial, o alcalde Samuel Lago solicitou unha reunión coa conselleira para pedirlle a construción dunha circunvalación e sendas peonís

21 ene 2022 . Actualizado a las 14:10 h.

O alcalde de Cambados, Samuel Lago, iniciou esta semana a súa axenda ao fronte do equipo de goberno co fin de conseguir melloras de seguridade viaria nas catro estradas de titularidade autonómica que atravesan o municipio: a PO 300, a PO 549, a PO 550 e a VG 4.3.

En consecuencia, o rexedor mantivo un encontro co xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a quen lle trasladou a necesidade de executar solucións a diferentes problemáticas, algunhas delas historicamente demandadas. En concreto, Lago considera necesario o repintado e mellora da sinalización de todos os pasos de peóns nas tres estradas e poñelos onde non existen.

«A PO-550 une Cambados con Meaño e O Grove atravesando a parroquia de Castrelo de norte a sur e apenas existen pasos de peóns para que a veciñanza poida cruzar a estrada con seguridade nunha zona densamente poboada e con moitos negocios a ambos marxes da estrada. O mesmo ocorre na contorna do colexio salesiano. É unha medida que tanto o Concello como a cidadanía levamos anos demandando sen obter resposta», explica o alcalde.

Outra das actuacións expostas ao xefe territorial é a mellora das vías de servizo paralelas á vía rápida VG 43 entre Vilariño e Corvillón. Os tramos están en terra e é necesario a súa pavimentación, ao igual que a Xunta realizou no seu momento entre Vilariño e Barrantes.

A maiores, Samuel Lago solicitou un encontro coa Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para abordar outros proxectos de maior entidade. Un deles é a creación dunha vía de circunvalación de saída de Cambados cara Castrelo co fin de retirar tráfico rodado do casco urbano. O seu trazado partiría da rotonda de Vilariño rodeando o casco urbano por detrás do monte da Pastora ata chegar á ponte de Castrelo. Ademais, o Concello propón á Infraestruturas habilitar dúas sendas peonís para conferir maior seguridade viaria ao tránsito das persoas. A primeira, na PO 300 entre polígono Sete Pías e Oubiña e a segunda, na PO 550 en Castrelo con rede separativa de sumidoiros.