Unha visita obrigada

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

CAMBADOS

Martina Miser

14 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Da man do académico Francisco Fernández Rei, e na compaña de Malós Cabrera e Nelli Espiño, directora da área de cultura da Feira do Libro de Buenos Aires, visitamos o Museo Ramón Cabanillas, á beira do mar da Arousa, recentemente inaugurado. «Probe, fidalgo e soñador…». Así retratou o poeta o seu Cambados, lugar onde naceu en 1876 e finou 83 anos despois, en 1959. 

Sempre recomendo a magnífica biografía do historiador Luis Rey (Galaxia, 2009) que en gran medida serviu de base para o deseño museístico que Pepe Barro realizou no Paseo da Calzada, referencia obrigada para cantos se acheguen á vila e á memoria do poeta.

Hoxe Cambados non é pobre, como melancolicamente o evocaba o autor de Vento mareiro (1915), mais segue tendo o engado máxico dos vellos soños e un aquel de vedraña fidalguía que se respira nas pedras labradas, nas casiñas mariñeiras de San Tomé, nas ruelas que se achegan ao mar.

No museo que prepararon Fernández Rei e Pepe Barro os visitantes poden admirar un óleo pintado en madeira, de 3,19 metros de longo e 44 centímetros de ancho, no que nun conmovedor estilo naif aparecen os tres asentamentos históricos da vila: Fefiñáns, Cambados e San Tomé, con cadansúa personalidade histórica. O óleo, autoría de Xoaquín Sánchez Peña, que foi amigo e cuñado de Cabanillas, titúlase Cambados visto dende Sálvora, ou dende o mar, porque Sálvora fica moi lonxe para retratalo así.

A estancia principal do museo, que non ten grandes dimensións, pero que está moi ben aproveitado, presídea a pequena mesa escritorio onde o poeta seica foi elaborando o orixinal de Samos (1958), a súa derradeira produción, publicada un ano antes do seu pasamento, na miña opinión un dos grandes logros da nosa literatura do século XX.

Sobre a mesa (austera, de madeira) proxéctanse doce palabras, todas tiradas da obra de Cabanillas: doce verbas que son doce propostas, doce suxestións, una ducia de referencias para viaxar pola significación do persoeiro: poeta, galego, fe, familia, Cambados, fouce, irmáns, prelo, canto, escena, desterro, Cabanillas, sempre…

Cada palabra vai acompañada dunha serie de imaxes, documentos e obxectos que ilustran un capítulo da súa biografía. Os irmáns, por exemplo, son os compañeiros de xeración e galeguismo (Castelao, Risco, Vilar Ponte…); o prelo son os libros, mesmo o traballo de xornalista, que iniciou en Cambados sendo mozo e afortulou nos anos de Cuba, ou a estadía en Mondariz, onde dirixía La Temporada, da man do seu amigo Peinador, e onde celebrou o acto de recepción na Academia en 1929.

Outras evocacións lévannos a Rosalía, ás loitas agrarias, á significación da familia, á inquebrantable lealdade á lingua… Dende hai uns meses a vila enriquécese, xa que logo, con esta intervención, que honra os seus promotores (o Concello de Cambados) e honra a veciñanza toda. Unha visita obrigada.