Cambados pecha hoxe ao tráfico a Praza do Concello de xeito parcial

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

A vila súmase á conmemoración da Semana Europea da Mobilidade

19 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A vila de Cambados súmase hoxe á conmemoración da Semana Europea da Mobilidade. Faino cun peche parcial ao tráfico da Praza do Concello (concretamente, o acceso dende a avenida de Galicia cara á praza Ramón Cabanillas) ademais da rúa Infantas. Que este corte teña carácter parcial ten que ver co desenvolvemento da campaña da vendima, tal e como explica o tenente de alcalde e concelleiro de Mobilidade, Tino Cordal. Polo que respecta á rúa Isabel II, na que non houbo tránsito a motor en todo o verán, seguirá sendo peonil ata o 13 de outubro.

En liña co espírito da Semana da Mobilidade, que procura unha mellor calidade de vida mediante a promoción dunha mobilidade limpa, un transporte urbano sostible e un camiñar e un ciclismo seguros, Cambados está a deseñar un plan de mobilidade urbana sostible. Cordal agarda poder presentar o proxecto a finais do vindeiro mes. Para a súa elaboración, o Concello mantén aberta na súa web unha enquisa de opinión entre a cidadanía, dentro dun proceso que procura a participación cidadá e se denomina graficamente Cambados Móvete.

Ademais dos peches ao tráfico, os responsables municipais promoven estes días un concurso de Tik Tok que consiste na subida de vídeos co cancelo #semanaeuropeamobilidadecambados. Os tres mellores participantes acadarán vales de compra en locais de Zona Centro. Por outra banda, o mércores desenvolverase unha ruta en bicicleta con saída e chegada na Praza do Concello.