O Concello de Cambados remata as obras do comedor de Corvillón, que a Anpa prevé estrear en xaneiro

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

A alcaldesa Fátima Abal visitou onte o centro

14 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, e o seu concelleiro de Obras, Samuel Lago, abriron a semana visitando o futuro comedor escolar do C.E.I.P. de Corvillón. Un aula reconvertida mediante un investimento de 7.690 euros por parte do Concello, empregados na substitución do teito, o cambio das instalacións de luz e de fontanería e mais a colocación dos mesados precisos para as tarefas de cociña.

Concluídas as obras, a previsión é que o servizo de comedor, nacido da demanda da Anpa do centro, entre en funcionamento no segundo trimestre deste curso escolar, o vindeiro mes de xaneiro, explicou a presidenta do colectivo de nais e de pais, Ana Parada, sinalando que xa só queda que a Xunta dote de mobiliario o local.

Abal, Lago e a representante da Anpa do colexio de Corvillón salientaron a importancia de contar con este servizo de cara a facilitar a conciliación laboral e familiar dos seus usuarios. Máis aínda cando só o centro de Corvillón e, ata finais do curso pasado, o de San Tomé, carecían de comedor en Cambados.

O de Corvillón contará con 35 prazas, aberto a ofertar dúas quendas se a demanda no colexio, de 95 alumnos, así o requirise, explicou a presidenta da Anpa.

Polo seu lado, a alcaldesa e o concelleiro de Obras de Cambados salientaron a aposta do goberno local por contribuír á mellora dos sete colexios do municipio, nos que o Concello investiu este ano 45.000 euros, o triplo que no mandato anterior, en traballos contratados ademais de intervencións realizadas con recursos propios municipais.