Maribel Iglesias: «Fefiñáns é un anfiteatro extraordinario, pero non para Heredeiros da Crus»

Bea Costa
bea costa CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

A historiadora di que hai moito aínda por descubrir sobre a historia do pazo

02 sep 2021 . Actualizado a las 19:11 h.

Poucas voces autorizadas como a de Maribel Iglesias para falar da historia do pazo de Fefiñáns. Durante anos estivo mergullada en arquivos, co resultado do libro O pazo de Fefiñáns, Historia e Arte, e desde o 2018 é a presidenta da Asociación Amigos de Fefiñáns.

-É o pazo o elemento arquitectónico máis importante do casco histórico de Cambados ou é algo discutible?

-Sen lugar a dúbidas é o máis importante. Pola súa antigüidade (século XVII), polo ben conservado que está e pola espectacularidade da praza. Alguén dicía o outro día que é a segunda praza máis bonita de Galicia, supoño que pensando que a do Obradoiro é a primeira. Gran parte da xente que vén a Cambados faino por Fefiñáns.

-Está valorado como se merece?

-Fíxose moito. Hai que ter en conta que é un elemento privado, xestionado por unha familia, o que fai que haxa uns lazos co edificio moi fortes. Tendo unha hectárea de bosque como ten este pazo, para outros propietarios houbera sido moi fácil vender hai anos, en plena especulación, e máis tendo en conta que este terreo non da rendemento, só gastos. Grazas ao coidado e a un mimo especial da familia conservouse case sen cambios.

-Ter un ben destas características é rendible ou unha ruína?

-Os gastos son moi grandes, aínda hai pouco caeu un balcón e un cacho do muro e agora teñen un problema coas termitas. Pero, coas visitas e as adegas, penso que algo de beneficio queda. E logo hai que dicir que a metade de Fefiñáns vive do pazo e da praza: tendas, restaurantes, comercios que venden o viños... É un recurso que dá moito diñeiro.

-Hai suficiente apoio institucional á hora de preservar este patrimonio tan singular?

-Penso que non teñen queixa [os propietarios]. Cando tiveron o problema co tellado, na época do bipartito, déronlle unha axuda bastante boa e ata viñeron carpinteiros de Alemaña para restauralo. O que non lle gusta son os concertos, porque din que as vibracións aféctalle á habitación do papel pintado. Cando actuou Herdeiros da Crus contaban que tremía todo o pazo.

-E vostede, que opina ao respecto?

-Penso igual. Un concerto de Luz Casal, si, un de Heredeiros da Cruz, non. Non só é polo ruído do concerto, é polo público que vai. Só hai que ver como quedou a praza logo da actuación deste grupo. Este tipo de concertos trae a unha xente que non deixa beneficio económico, mentres que outro tipo de público si deixa cartos. A praza é un anfiteatro extraordinario, pero para concertos que non sexan tan agresivos como o de Heredeiros da Crus.

-E as escaleiras que se quere reconstruír na fachada sur da igrexa, que lle parecen?

-Non me parece mal. Postos a gastar cartos, prefiro que se gaste niso que en asfaltar un camiño ou nunha rotonda. De feito, a entrada sur é pola que entra máis xente á igrexa e o acceso gañaría con esta obra. Case todo o pobo está dacordo. O sobre o resto das actuacións, o de poñer árbores detrás da igrexa e cambiar os focos que hai agora, tampouco me parece mal,

-Hai quen se queixa de que Fefiñáns é a nena bonita fronte a outros elementos do patrimonio local que non se coidan tanto. Comparte esta reflexión?

-Ás veces pode parecer que todo é para Fefiñáns, e quizais teña que ver con que a asociación lle dá máis visibilidade, pero nós [Amigos de Fefiñáns] defendemos o patrimonio de todo O Salnés, de feito a nosa revista chámase Umia. Se se lle presta máis atención á praza é porque a visita máis xente.

-Vostede investigou moito sobre o pazo, canto queda por descubrir?

-Queda moitísimo. Hai tres mil e pico escrituras das que eu só cheguei a ver cento e pico, e porque houbo unha arquiveira que localizou todos os documentos, o que me permitiu ir a tiro fixo, mirando só os que tiñan relación co pazo e a familia, pero queda moito.

-E seguirá buscando?

-De momento estou farta, no futuro non sei. No meu libro lancei a idea para que alguén se anime a seguir. A ver.

-A conta do Foro Voz estase a falar da vinculación de Cambados co fenómeno xacobeo e descubrimos que Fefiñáns tivo o seu propio hospital de peregrinos. Atopou algún documento ao respecto?

-Os documentos o citan, pero non demasiado. Os Valladares crearon un novo hospital ou ampliaron o que había, e a súa relación co arcebispado foi importantísima. Na igrexa atópanse cunchas e hai bolas do gótico mariñeiro, como as que hai nas ruínas de Santa Mariña; ademais de por San Bieito, había unha grande devoción tamén por Santiago. Santiago está moi presente en Fefiñáns, pero hai outros camiños. No coloquio [venres] sacarei o tema da ruta marítima, que non só é a de Vilanova. Penso que Cambados formaba parte dun camiño de entrada cara ao interior de Galicia, desde Portugal, pasando polas Cíes, A Lanzada e as Torres de Oeste, polo que xa viñan os cartaxineses e os romanos antes de que, supostamente, viñese o apóstolo. Posiblemente o motivo de vir a Santiago pola ría foi que este camiño xa se coñecía.

-O coloquio será dentro do Festival Albariño no Camiño. De cando vén a relación do pazo co viño?

-Non son especialista no tema, pero de moi atrás. Antes non se cultivaba demasiado porque daquela o que máis se bebía ás comidas era tinto. Sei que o pazo foi a primeira adega da zona, e probablemente de Galicia, onde se empezou a producir albariño dun xeito tecnificado e comercial. Teñan viñas moi antigas, incluso prefiloxéricas, sen ser as dos monxes que chegaron de Alemaña, que parece que esa teoría non é certa porque os estudos da universidade indican que o ADN das cepas de albariño é autóctono. O primeiro en cultivalo foi Miguel Gil Casares, hai máis dun século, e como en Galicia a filoxera afectou menos que noutras partes, quedaron algunhas viñas.

O FORO 

O Foro Voz «O Camiño sabe a Albariño. A pegada do patrimonio de Cambados no Camiño» contará con Sindo Mosteiro, Maribel Iglesias, Paula Alfonso e Xoán Antonio Pillado. Será o venres día 3 ás 12.30 horas en Exposalnés