Sindo Mosteiro: «Cambados tivo catro hospitais para peregrinos, é un lugar excepcional»

Bea Costa
bea costa CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

O historiador anima aos concellos a explotar este patrimonio como recurso turístico

02 sep 2021 . Actualizado a las 21:42 h.

Sindo Mosteiro ten un saber enciclopédico sobre a historia de Cambados, e nesa historia entra, tamén, a vinculación da vila co fenómeno xacobeo. Un feito este sobre o que leva anos investigando e do que se falará polo miúdo o venres no Foro Voz. Hoxe ofrécese un adianto.

-De onde parte esa relación entre Cambados e as rutas xacobeas?

-Había múltiples camiños a Santiago que unían vilas e igrexas que eran susceptibles de ser camiños de Santiago. É ben coñecido o camiño que fixo no 1745 o Pai Sarmiento pola costa, pero había outros que viñan aos mercados, como o de Fefiñáns, ao que chegaba incluso xente da outra banda da ría, a principios do século XVII. En Cambados, a carreira Real saía de Fefiñáns, ía cruzando Corvillón en dirección a San Miguel cara ao norte e pasaba por Pontearnelas, que era o paso para cruzar o río. Logo estaba o camiño de San Tomé, que viña á ponte da Barca desde a xurisdición da Lanzada -a ponte ten 150 anos de historia e ata 1906 era privada, pola que había que pagar por usala-. Este camiño viña por Fonte de Brúa, San Tomé e á rúa Hospital.

-Un inciso. Estamos a falar da Ruta do Pai Sarmiento non?

-Si, pero a ruta que se fixo non coincide co camiño, desviáronse un pouco. Este era un camiño principal que comunicaba as tres vilas [San Tomé, Cambados e Fefiñáns] no que á beira había hospitais que eran lugares de referencia para camiñantes, peregrinos e transeúntes. O testamento do Arcebispo San Clemente de 1600 rexistra un no Grove, outro en Carril, outro en Caldas e catro en Cambados. Cambados é un lugar excepcional pola cantidade de hospitais que había para atender aos camiñantes.

-Onde estaban localizados?

-Un en San Antón, de 1458; outro na illa da Figueira en San Tomé rexistrado no 1600, aínda que non sabemos cando foi fundado; había outro en Cambados, pegado á capela do Hospital, que debe ser anterior; e houbo outro no convento, fundado por Rodrigo de Lamas, que non chegou a funcionar e alí acabaron facendo uns lagares e unha bodega.

-Consérvase algún vestixio destes hospitais?

-No da rúa Hospital si, hai tres casas que máis ou menos conservan a estrutura do antigo hospital; conservase un dintel que indica unha restauración do 1793. A capela tamén foi reformada, no século XVII a conta dunha predicación xesuítica, e no XVIII, polos patróns, os de Bazán, que estaban na casa de enfronte, onde está agora o restaurante Yayo Daporta, que foi do avó de Emilia Pardo Bazán.

-Estes hospitais eran privados ou públicos?

-Habíaos privados e públicos. O de Cambados e o de Fefiñáns eran do Concello, porque interesaba que os camiñantes non estiveran tirados pola rúa. O de Fefiñáns pasou a ser público en 1507 por un preito do señor arcebispo contra o Concello; logo, a mediados do século XVI foi remodelado polos señores de Fefiñáns.

-Onde estaba exactamente, queda algún resto visible?

-Estaría pegado á capela e non, non queda nada. Cando se fixeron obras no pazo apareceron unha cuncha e un capitel, pero nada máis.

-Parece mentira o descoñecemento que hai sobre esta parte da historia de Cambados nestes tempos de xacobeos. A que o atribúe?

-O Concello de Cambados non se preocupou do tema. Outros, tendo menos, como Vilanova, que realmente non ten grandes cousas que aportar ao fenómeno xacobeo, si souberon ligar os poucos recursos que tiñan aos camiños. Outros concellos poderían facer o mesmo, por exemplo, os que teñen cruceiros coa imaxe de Santiago como protector dos peregrinos e camiñantes, dos cales hai varios na comarca. En Cambados temos o cruceiro San Roque [ao lado da capela de Santa Margarita], onde había unha congregación de asistencia mutua e asistencia a pobres. Tamén hai un en Paradela, o cruceiro vello de Ribadumia e algún máis.

-Falamos duns bens de grande valía patrimonial e histórica que ben poderían converterse en recursos económicos...

-Cando se empezou coa revitalización do Xacobeo en Galicia, a principios dos oitenta, enseguida apareceu xente interesada en recuperar esas vellas historias e ligalas a un novo movemento, como foi o cura Valiñas. Iso é o que teñen que facer os interesados en sacar tallada deste fenómeno, que rende moitos cartos polos sitios por onde pasa. Calquera concello faría ben en atopar recursos para documentar un camiño. Os camiños principais están saturados, están trillados.

-Queda moito por descubrir?

-Cambados ten unha historia moi longa, calquera historiador ten moito que sacar, e no fenómeno dos camiños sempre hai cousas que buscar.

-Que opina da deriva que colleu o fenómeno xacobeo nos últimos tempos?

-Isto vai co signo dos tempos. O camiño principal, o francés, está súper saturado. Hai que buscar alternativas e, se cadra, non tanta cantidade e máis calidade.

-Estase explotando este recurso con rigor histórico?

-Non sempre, moitas veces o que se busca e facer o camiño por tal sitio, cando ao mellor non pasaba por alí. Aínda que, ao final, calquera camiño era susceptible de se utilizado porque, como todos os camiños levan a Roma, todos levan tamén a Santiago.

-Ultimamente aparecen camiños por todos lados, non desvirtúa iso os itinerarios xacobeos?

-Na Idade Media e a principios da Idade Moderna a xente ía camiñando non só a Santiago, ía a outros lugares. Quen lembra a Santa Cruz da San Clodio do Ribeiro? Agora ninguén se acorda desa reliquia cando, daquela, os monxes sacaban boa tallada dela.

-Un bo negocio...

-As igrexas sempre foron un negocio baseado en fume. As reliquias son falsas nun 99 %, especialmente as do período evanxélico. É un fenómeno século IV, de cando había 300 anos que morrera esta xente e non se sabía onde había unha cruz ou un óso.

FORO VOZ

  • «O Camiño sabe a Albariño. A pegada do patrimonio de Cambados no Camiño» contará con Sindo Mosteiro, Maribel Iglesias, Paula Alfonso e Xoán Antonio Pillado. Venres (12.30 horas) en Torrado (Cambados)