«Queremos posicionar a Cambados dentro dos camiños de Santiago»

Bea Costa
bea costa CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

«Albariño no Camiño» é unha clara aposta na procura deste obxectivo

29 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A vinculación de Cambados co albariño vén de lonxe, como pouco de hai 69 anos. Aquela cea na horta de Botana entre uns amigos derivou nunha festa catalogada de interese internacional e puxo as bases para un sector do que viven miles de persoas e xenera un volume de negocio de millóns de euros. Moito se leva dito da relación do albariño coa cultura, a historia e a tradición do país, pero pouco se ten falado dos seus lazos co fenómeno xacobeo, que os ten. O Xacobeo 2021-22 é unha boa oportunidade para pisar este terreo e o Concello de Cambados, en colaboración coa Xunta e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, decidiron dar o paso co proxecto cultural «Albariño no Camiño». O concelleiro de Cultura, Tino Cordal, leva meses traballando nel, de feito, a idea era executalo en decembro, pero a pandemia impediuno. Por que no inverno? Porque o obxectivo deste plan é, precisamente, desestacionalizar a oferta cultural do municipio sen os agobios das festas do verán.

-O albariño dá para moito, tamén para coñecer máis sobre o fenómeno xacobeo en Galicia. Que ten que dicir Cambados neste eido?

-Cambados ten na súa historia moita vinculación cos itinerarios xacobeos, desde a idade Media. Aquí houbo ata tres hospitais para peregrinos e Cambados era parada importante dentro do camiño real que levaba a Santiago e viña por Pontearnelas.