Rematan as obras de urbanización na rúa Sevilla de Cambados tras tres meses de execución

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

Financiadas polo Plan de Concellos 2020, contaron cun presuposto de licitación de 154.00 euros

11 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A rúa Sevilla, unha das principais arterias situadas entre o conxunto histórico de Fefiñáns e o paseo marítimo de Cambados, volve a ser transitable tras o fin das obras de urbanización financiadas polo Plan de Concellos 2020, que contaron cun presuposto de licitación de 154.00 euros.

O que nun principio se solucionaría nun prazo de 44 días, foi executado nun período de tres meses debido a que as obras foron ampliadas. Inicialmente o proxecto centrábase na pavimentación, con fresado previo e unha nova sinalización, ademais de novos aparcamentos e beirarrúas, pero este viuse dilatado mediante unha reforma integral de todas as instalacións soterradas, o que fixo tamén duplicar o orzamento. «Había unha rede unitaria de saneamento e augas pluviais, e na liña do compromiso que vimos asumindo dende que estamos no goberno de facer redes separativas para evitar, por un lado, vertidos directos ao mar, e por outro, o colapso das redes de saneamento», engadiu o concelleiro.

«O certo é que esa rede era moi necesaria, moito máis que a propia urbanización e humanización da rúa, xa que houbo anos nos que varias vivendas se viron completamente anegadas con augas fecais», explica a alcaldesa do concello cambadés, Fátima Abal.

A obra contou con certas complicacións técnicas xa que «durante os gobernos anteriores, cada vez que se producía ese tema de inundacións, asfaltaban por riba e cada vez a rúa estaba máis alta», engadiu a alcaldesa, de tal xeito que o proxecto se tivo que adaptar á situación de cada unha das casas.