Cordal: «Os concertos pasaron con nota e a xente comportouse de xeito exemplar este Albariño»

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS

CAMBADOS

MONICA IRAGO

O concerto dos Resentidos celebrarase o 11 de setembro

02 ago 2021 . Actualizado a las 21:05 h.

«Os concertos do Albariño pasaron con nota, a xente comportouse de xeito exemplar e o dispositivo da Garda Civil e da policía foi impecable». Este é o balance que fai o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Seguridade de Cambados, Tino Cordal, o día despois dunha festa que pasou o 2021 con máis pena ca gloria. A pandemia lastrou unha edición máis ata o punto de que o programa de actividades limitouse aos concertos na praza de Fefiñáns, con aforo reducido (500 persoas).

O máis exitoso desde o punto de vista da reserva de entradas foi o de Novedades Carmiña. No resto víronse cadeiras baleiras, pero non tanto por que non se repartiran entradas como porque algunhas das persoas que reservaron non acudiron á actuación, segundo explica Cordal. «Para outros anos haberá que darlle unha volta a isto».

O concerto do domingo, o dos Resentidos, aprazouse por mor do mal tempo e celebrase o 11 de setembro. O clima tamén pode condicionar o programa de concertos da vindeira fin de semana; en cartel están Ocaband para o venres 6, Mad Martin Trío para o sábado e o domingo soará la Banda de Música de Castrelo.

En canto ao parte de incidencias, o máis destacable foi a intervención que fixo a policía o venres de madrugada, pola concentración de xente na praza de Alfredo Brañas, así como nos controis por alcoholemias ao volante, ruídos en festas particulares, das medidas de seguridade relativas ao uso de máscara e reunións e do cumprimento de horarios de peche na hostalería. En todo caso, Tino Cordal destaca a falta de incidentes graves e amósase moi satisfeito deste Albariño tan especial. A alcaldesa, Fátima Abal, apraza a súa valoración a mañá, cando comparecerá ante os medios co gallo de acto de entrega dos premios aos mellores rías baixas.

Mañá, entrega de premios aos mellores viños

O parador acollerá ao mediodía do martes o acto de entrega dos premios do Concurso do Albariño do que resultou o gañador Noelia Bebelia, da bodega San Salvador, da subzona de Soutomaior. A medalla de prata foi para o Gran Bazán Verde, de Agro de Bazán, e a de bronce, para Bouza do Rei, ámbolos dous da zona do Salnés.