Aberto o prazo para solicitar as axudas para rehabilitación de vivendas no casco histórico de Cambados

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

MONICA IRAGO

O Concello destina 321.000 euros para este fin e invita á veciñanza a consultar as bases

09 jun 2021 . Actualizado a las 21:36 h.

Os propietarios de inmobles situados no casco histórico de Cambados teñen ata o vindeiro 2 de agosto para solicitar as axudas de rexeneración urbana para este exercicio 2021, dotadas cunha partida de 321.704,70 euros. As axudas poden chegar a supoñer un 75 % dos custes da obra e cun máximo de 15.000 euros por investimento. En todo caso, a asignación de fondos para caso concreto, a súa aprobación se procede e a determinación das contías individualizadas resultarán da aplicación dos criterios e sumas máximas establecidas nas mesmas bases.

O departamento municipal de Urbanismo esta a constatar que hai moitas persoas interesadas neste programa, dirixido a persoas físicas propietarias dun edificio ou vivenda unifamiliar, tamén ás comunidades de propietarios dun inmoble residencial colectivo ou ben ás agrupacións de comunidades de propietarios.

A tal efecto publicáronse no Portal de Transparencia do Concello de Cambados as bases das axudas dese ano, así como os formularios para as solicitudes.

O edil de Urbanismo e Patrimonio, Xurxo Charlín, anima a todos os veciños interesados en facer calquera tipo de reforma ou rehabilitación para que se informen e poidan solicitar axudas que, ademais, redundan nunha mellora estética da vila.