Cambados segue dando pasos na compostaxe de residuos

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Os composteiros comunitarios producen unha media mensual de 900 litros de fertilizante e pronto repartiranse 400 novos composteiros individuais

05 jun 2021 . Actualizado a las 16:47 h.

O Concello de Cambados avanza no seu programa de compostaxe adherido ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. Tanto é así que os dous centros de compostaxe comunitarios habilitados nos Olmos e no Pombal ofrecen xa unha media duns 900 litros ao mes de fertilizante «de alta calidade e riqueza», segundo explica Damián Varela, o técnico de medio ambiente que xestiona ambos centros. Unha parte do produto vai destinado aos veciños para abonar as súas hortas e fincas e outra, aos parques e xardíns municipais.

Tamén está crecendo a compostaxe individual, a segunda liña do programa. Nestes momentos están distribuídos un total de 150 composteiros noutros tantos fogares que dispoñen de horta. Neste caso, a concellería de Medio Ambiente pon á súa disposición un técnico cualificado que lles explica o funcionamento e as pautas a seguir para un correcto funcionamento do sistema co fin de obter un produto de calidade.

A alcaldesa, Fátima Abal, anuncia que se van repartir outros 400 composteiros individuais, 60 contedores marróns de 120 litros para os residuos orgánicos e outros vinte de 800 litros destinados aos hostaleiros.

Neste último caso, darase continuidade ao plan piloto de recollida porta a porta entre os grandes produtores e aplicaranse bonificacións nas taxas municipais para os hostaleiros que maior reciclaxe aporten.

Así mesmo, xa está adquirida algunha das máquinas trituradoras para a elaboración de estruturarte con restos de poda e céspede e avanzan as xestións para habilitar o punto limpo móbil que se irá desprazando por todas as parroquias do municipio.

A maiores, en breve o colectivo Tropa Verde porá en marcha as campañas de divulgación entre a poboación con incentivos para promover a reciclaxe mediante vales do comercio local, e co fin de concienciar sobre os beneficios da compostaxe desde as idades máis temperás, o departamento que dirixe a concelleira Cruz Leiro realiza ao longo do ano diferentes actividades de divulgación nos centros educativos. A última tivo lugar este venres no parque de Os Olmos, cunha plantación de árbores e unha sesión divulgativa sobre compostaxe na que participaron alumnos do colexio San Tomé.