O Concello de Cambados recibe 187 peticións de conexión para fibra óptica

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

ALBERTO LÓPEZ

As solicitudes foron xa tramitadas ante a secretaría de estado co fin de optar ás axudas do Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais

29 may 2021 . Actualizado a las 13:53 h.

O Concello de Cambados remitiu 187 solicitudes de conexión de fibra óptica á Secretaría de Estado de Telecomunicacións logo da consulta realizada a través do Portal de Transparencia e co fin de optar a axudas do Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais.

O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Xurxo Charlín, encargouse persoalmente dun traballo de documentación que ten como obxectivo «incrementar estas novas zonas na listaxe preliminar de zonas brancas e grises, elaborada a partir da información dispoñible de cobertura de redes de banda ancha de nova xeración facilitada polos operadores, que no caso do Concello de Cambados xa incluía un total de 162 zonas afectadas». A listaxe definitiva será a base para determinar as zonas potenciais de actuación e recepción de axudas. En 2019, un 62 % dos fogares do municipio dispoñían conectividade de 100 Mpps. A finais de 2021, cos plans que están en execución, vaise superar o 75% da poboación de Cambados con unha conexión a Internet de alta velocidade, segundo informa Xurxo Charlín.

As zonas demandadas pola veciñanza para a instalación de fibra óptica nesta consulta abrangue tódalas parroquias, destacando as demandas realizadas nas rúas Valvanera, Novedades, Camiño da Grenla, o Brexo e Fefiñans en Cambados; O Couto de Abaixo e Arriba en Castrelo; Covas de Lobos e a Laxe en Vilariño; Río da Ucha e Aldea de Tragove en Corvillón; Bouza do Rei e Cereixeira en Oubiña.