Os cambadeses foron os veciños do Salnés que menos pagaron por IBI, cunha media de 161 euros

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

MARTINA MISER

O municipio dispón de 6.663 inmobles de uso residencial, segundo os datos do Catastro

22 may 2021 . Actualizado a las 14:21 h.

Segundo os últimos datos publicados pola dirección xeral do Catastro, correspondentes ao 2020, Cambados presenta unha valoración total de 234.141.779 euros para os 6.663 inmobles de uso residencial, o que supón que o valor medio catastral é de 35.140 euros, sendo o valor máis baixo de toda a comarca do Salnés para este tipo de inmobles, segundo informa o concelleiro de Urbanismo, Xurxo Charlín.

Sanxenxo presenta o valor máis alto de toda a comarca, cun importe medio de 79.444 euros para os 16.241 inmobles de uso residencial; seguido de Meaño, con 70.609 euros para os 2.127 inmobles de uso residencial; Ribadumia, 65.201 euros para 2.202 inmobles; Meis, 59.339,09 euros para os 1.926 edificacións; Vilagarcía, 57.000 euros para os 19.799; A Illa, cun valor de 55.723,17 euros para os 2.591; O Grove, 47.243,97 euros e 7.605, e Vilanova, 41.382,23 euros para os 5.328 inmobles de uso residencial deste concello.

En consecuencia, os cambadeses foron o pasado ano os que menos pagaron por IBI, con 161,65 euros de media por cada inmoble de uso residencial, case a metade de Sanxenxo e un 35 % menos que o seguinte concello na lista, Meis, que onde o importe medio dos recibos foi de 243,29 euros.

En Vilagarcía ascendeu a 290,70 euros, en Meaño, 282,44, na Illa de Arousa de 278,62 euros, no Grove, 274,02 euros, en Ribadumia de 260,81 euros e en Vilanova, 248,29 euros, segundo os datos que manexa Charlín atendendo ao informe do Catastro.

Os inmobles para uso residencial incrementáronse nos últimos cinco anos en 1.269 nos concellos do Salnés, pasando das 63.213 inmobles de uso residencial censados en 2016 aos 64.482. Os municipios que maior número de novos inmobles para uso residencial tiveron foron Sanxenxo con 267 e Cambados con 265. Séguenlle, Vilanova, 183, O Grove con 181 e Vilagarcía con 121.