Aragunde: «Co PP no goberno de Cambados xa estariamos desfrutando da praza de abastos»

La Voz

CAMBADOS

MONICA IRAGO

O concelleiro Xurxo Charlín acúsao de tratar de enganar aos veciños

22 may 2021 . Actualizado a las 14:21 h.

«Co PP no goberno de Cambados xa estariamos desfrutando da praza de abastos». Así reacciona o portavoz popular, Luis Aragunde, ante a última nova relacionada co proxecto do praza de abastos. O concelleiro de Urbanismo, Xurxo Charlín, anunciou esta semana que a Xunta amplía a dous anos o prazo para aprobar o plan especial do porto —documento imprescindible para levar a cabo a obra—, pero o PP fai unha lectura ben distinta e neste anuncio non ve máis que a falta de capacidade de xestión do goberno local.

«No mellor dos casos os profesionais que venden na praza de abastos e usuarios non desfrutarán das novas instalacións como mínimo ata dentro de catro ou cinco anos, entre rematar a tramitación e a construción, que se suman aos mais de seis anos que xa pasaron dende que o PP, no goberno municipal, conseguira para Cambados case catro millóns de euros financiados por varias administracións».

E engade Luis Aragunde: «Dentro de dous anos remata a segunda lexislatura de Fátima Abal, Tino Cordal e Xurxo Charlín, en dúas lexislaturas nin tramitación nin colocar unha soa pedra deste proxecto. Nós nun ano conseguimos a financiamento e derribamos dous edificios limítrofes, xerando un amplo aparcamento fundamental nesa zona».

«Por moito que queira buscar este goberno municipal culpables dos seus males, queda patente a falta de xestión; non traballan, non xestionan, non son capaces de empatizar con ningunha administración, nin gobernada polo PP , nin gobernada polo PSOE (campo de fútbol do Beiramar en Castrelo e Costas do Estado). O sectarismo co que se enfrontan á Xunta de Galicia e falta de buscar solucións en común, crean situacións que están a prexudicar aos veciños de Cambados.

Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, Xurxo Charlín, xa saiu o paso do comunicado do PP, para negar que o goberno local teña responsabilidade algunha na demora deste proxecto.«O plan especial aínda chegou hai tres meses ao Concello, aínda o estamos tramitando, así é imposible iniciar as obras, así que o retraso non é por culpa do Concello, é por culpa de Portos de Galicia. Parece que Luis Aragunde quere enganar aos veciños cando sabe de sobra como é a tramitación dun plan especial».