Esgótanse os vales de compra do 3x2 de Cambados e amplíase o prazo para consumilos ata o 15 de xuño

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

Martina Miser

O Concello puxo á venda mil bonos, o cal se traducirá nun movemento económico de 30.000 euros para o comercio e hostalería locais

16 may 2021 . Actualizado a las 17:18 h.

O xoves esgotáronse os mil lotes de vales compra postos á venda dentro da campaña Cambados Florece, organizada polo Concello e a asociación de comerciantes Zona Centro. Este 3x2 de primavera premia aos clientes con 10 euros de regalo —cantidade que aporta o Concello—, de xeito que por un gasto de 20 euros, o comprador consigue un vale de 30. Isto suporá a posta en circulación de 30.000 euros, co que iso supón de incentivo para o comercio e a hostalería locais.

A venda da totalidade dos bonos non implica que foxen todos consumidos e, tendo en conta as restricións polo covid-19 ás que está suxeito o municipio e que hai persoas que mercaron o vale e viven noutros concellos, a organización decidiu ampliar o prazo para o seu consumo durante quince días máis, pasando do 31 de maio ao 15 de xuño.

O concelleiro de Comercio, Fernando Patricio Rey, puxo de manifesto a súa satisfacción pola gran acollida que tivo entre a veciñanza «e como o pobo de Cambados esta a implicarse en colaborar co Concello para poder axudar ao pequeno comercio e a hostalaría local nestes momentos tan difíciles que estamos a sufrir, polo que esperamos que con este prazo adicional poidan facer as súas compras con tranquilidade».

Non só se amplía só o prazo para ir de compras. Mentres Cambados Florece estea vixente, manterase a decoración que instalou o Concello nas rúas así como as motivos florais que as tendas colocaron nos seus escaparates e fachadas.