Doce espellos para que as cambadesas poidan verse deportistas

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

A Concellería de Igualdade da vila do albariño lanza unha campaña de empoderamento entre as súas veciñas convertendo a unha ducia delas en referentes para o resto

17 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A estas alturas da historia, a loita pola igualdade de xénero ofrece unha morea de certezas. Unha delas, que se trata dunha pelexa diaria que debe abranguer todas e cada unha das parcelas nas que medie a interrelación humana. A segunda, que para esnaquizar os incontables teitos de cristal un dos martelos máis consistentes é o do exemplo que normalice a consideración da muller coma unha igual ao home sexa cal sexa a actividade, profesión ou ocupación da que se trate.

Traballar con ambas as dúas certezas, co deporte como ecosistema diana, é o que se propuxo a Concellería de Igualdade de Cambados na campaña que vén de poñer en marcha coa colaboración da Deputación de Pontevedra e que onte presentaban no consistorio da vila do albariño a alcaldesa, Fátima Abal, e Mónica Novás, responsable da iniciativa.

Esta última explicou que a campaña conta con dúas patas. A primeira foi a entrega, con cargo ao Pacto de Estado Contra la Violencia de Género, de máscaras que se repartiron entre todos os equipos deportivos da localidade. Máscaras con mensaxe reivindicativa que ao tempo que axudan a concienciar os xogadores e demais atletas na igualdade serven de axuda aos modestos clubs do municipio, proporcionándolles o que hoxe é parte obrigada da súa indumentaria, tanto nos adestramentos como nos partidos. As máscaras son reutilizables e específicas para a práctica deportiva.

A outra gran pata da campaña impulsada desde a Concellería de Igualdade de Cambados foi a realización de cadansúa entrevista a doce mulleres deportistas da localidade doutras tantas disciplinas, orientadas a facerlles ver a todas as veciñas que inda poidan ter dúbidas que non hai deportes de xénero e que home e muller poden practicar o mesmo. As entrevistas iránse colgando na web e nas contas en redes sociais do Concello. A intención é converter as doce entrevistadas «en referentes locais femininas». Obxectivo que se reforzará coa organización o sábado 28, de 18 a 20 horas, dunha mesa redonda virtual con todas elas baixo o título Somos do teu equipo. Os interesados en seguir as súas reflexións o día 28 poderán anotarse enviando un correo electrónico á dirección igualdade@cambados.es ou no teléfono 650 360 245.