Arousa: A Xunta destina 463.645 euros á xestión de residuos en Vilagarcía, Cambados, O Grove e Valga
As achegas empréganse para mellorar puntos limpos, compostaxe e no tratamento da fracción orgánica
Cambados
A Consellería de Medio Ambiente vén de financiar con 463.645 euros diversas accións municipais de xestión de residuos, correspondentes ao período 2020-2021 nos concellos de Cambados, Vilagarcía, O Grove e Valga. Con motivo destas achegas, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, e o xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, visitaron este martes o punto limpo de Cambados para supervisar as aportacións realizadas pola consellería neste municipio: para a recollida de voluminosos, 70.000 euros; para a xestión da fracción orgánica, 72.051 euros, e para desenvolvemento da compostaxe 59.005 euros.
Cambados é o Concello máis beneficiado da bisbarra ao abeiro desta orde, cun investimento de 201.056 euros, xa que accede ás tres liñas abertas dentro deste plan. A alcaldesa Fátima Abal, que acompañou ao delegado territorial na súa visita, debullou os detalles do proxecto, que pivota arredor de varios eixos. Na primeira anualidade está prevista a compra de 400 composteiros individuais que se distribuirán entre veciñanza, 60 contedores medianos de residuos orgánicos (marróns, de 120 litros) e outros vinte con capacidade para 800 litros destinados aos hostaleiros, que xa están traballando cun plan piloto de recollida de restos orgánicos, porta a porta.
Ademais, levaranse a cabo campañas de divulgación entre a poboación e daranse incentivos para promover a reciclaxe mediante o reparto de vales de compra para consumir no comercio local e a bonificacións nas taxas municipais para os empresarios da hostalería que reciclen máis e mellor. O proxecto complétase coa adquisición dun punto limpo móbil, unha báscula portátil, unha desbrozadora e tres trituradoras para facer estruturante cos restos de poda e céspede.
As liñas de actuación nos demais concellos é similar. Vilagarcía tamén terá un punto limpo móbil con cargo a este plan autonómico, no caso do Grove abundarase na xestión do contedor verde e Valga utilizará estes fondos para os seus plans de compostaxe.
Comentarios