Cambados celebra o Día de Rosalía agasallando rosas e libros de Cabanillas

B. C. CAMBADOS

CAMBADOS

Bea Costa

Quen o día 24 merque un libro en galego recibirá gratis un exemplar de «Ramón Cabanillas Enríquez. Esta é a súa historia»

20 feb 2021 . Actualizado a las 14:06 h.

O Concello de Cambados vai celebrar o día dedicado a Rosalía de Castro, o mércores 24 de febreiro, agasallando libros e rosas. As 24 primeiras personas que ese día acodan a unha das catro librarías do municipio (Cabanillas, Contos, Castelao e Nobel) e merque un libro en galego, recibirán gratuitamente unha rosa e un exemplar do libro sobre a vida e obra de Ramón Cabanillas que acaba de publicar o Concello.

O concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Tino Cordal, lembra que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora dende o ano 2010 o Día de Rosalía, propoñéndolle á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas. Cambados, ao igual que outros concellos, únese a esta proposta «con entusiasmo, dado o firme compromiso do goberno municipal cambadés co noso idioma», segundo subliña o edil

«Con esta iniciativa, o goberno municipal pretende conmemorar esta data tan importante para a cultura e a lingua galega, e ademais amosar o seu apoio ás librarías cambadesas, que, ao igual que todo o sector do comercio, está a padecer as consecuencias da grave crise ocasionada pola expansión da pandemia da covid-19» Precisamente esta pandemia, impide celebrar o concerto musical e unha lectura pública de poemas que tiña programados.