A avogacía das vilas está a ser masacrada polas empresas capitalistas do sector
14 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Nas clases que imparto no Máster da Avogacía da Universidade de Vigo, aparte da materia que expoño, intento facer ver aos futuros profesionais a extraordinaria importancia do seu vindeiro labor, desexándolles que ogallá consigan que a súa función como xuristas volva a valorarse social e lexislativamente. E fago isto porque agora mesmo a avogacía está maltratada en moitos aspectos e nun dos peores momentos da súa larga historia. Ese vexame esténdese por moitos campos. No ámbito fiscal, aparte da dificultade para xustificar gastos, hai agravio, por exemplo, coa aplicación dun IVE do 21%, cando acudir á Xustiza é o exercicio -tantas veces involuntario- do dereito fundamental á tutela xudicial efectiva. Ese IVE non recuperable provoca indefensión efectiva para un traballador medio e, por iso, semella que o lexislador quere que só poidan recorrer á Xustiza os moi ricos ou os moi pobres, estes a conta do esforzo e recursos dos letrados da quenda de oficio, que realizan a súa función pública, -pública, si- de defensa dos intereses das persoas con dereito á xustiza de balde, sen remuneración xusta. Unha das cuestións que pregunto aos futuros avogados é se saben que é a xurisprudencia. Faltaría máis: contestan dun xeito sobresaínte, citan Código civil, Constitución, nocións teóricas recibidas na facultade e engaden unha certa veneración. Retrúcolles que non teñen nin idea, para que se sorprendan con tal exabrupto, porque saben que acertaron ... academicamente. Dígolles que a xurisprudencia non é unha creación xudicial. Outra insolencia, pensan. Pero enténdenme decontado ao describirlles que para que unha sentencia do Tribunal Superior, Supremo, Constitucional ou dos Europeos constitúa xurisprudencia, houbo detrás un cidadán que soportou con tesón que o seu asunto chegase a esas instancias e, ao seu carón, traballou un avogado tenaz, capaz de argumentar fronte aos amargores de sucesivas sentencias contrarias previas. Non son os Tribunais os que crean a xurisprudencia, senón os cidadáns valentes, o pobo, e os avogados que os asisten. Este curso académico puxen como exemplo ao letrado cambadés, Ricardo Rodiño que, recentemente, foi capaz de que se innovase a xurisprudencia en materia de seguimento por radiobalizas acadando que o Tribunal Supremo establecese que os dispositivos de xeolocalización invaden a intimidade, revocando as previas resolucións condenatorias e modificando xurisprudencia anterior. Ou asuntos como o do Prestige. Os meus alumnos tamén toman con estrañeza que lles afirme que os auténticos profesionais da avogacía son os avogados individuais, os das vilas, avezados nos tribunais, quen, sen embargo, están a ser masacrados sen misericordia coa aplicación do capitalismo á actividade da avogacía, profesión que non debería concibirse dun xeito que non fose o exercicio persoal, achegado ao cliente. E, ademais, as multinacionais da avogacía, puramente mercantís, desprestixian subliminalmente aos avogados locais, verdadeiros expertos forenses e próximos ao cidadán. Algo que tamén se percibe cando, por exemplo, as corporacións locais fan campañas de defensa do comercio de proximidade -ben feitas, claro-, pero acoden fóra a esas grandes empresas, máis firmas de publicidade que de avogacía. Outra pailarocada.