O Concello cambadés dá luz verde ao convenio con Esperanza e ás axudas ao ensino

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

O convenio coa asociación ascende a 16.000 euros e os beneficiarios das axudas son 150 mozos

23 ene 2021 . Actualizado a las 21:00 h.

O Concello de Cambados mantén o seu compromiso coa Asociación de axuda a persoas con discapacidade intelectual Esperanza Salnés. A Xunta de Goberno vén de aprobar o convenio de colaboración para o exercicio 2021, polo cal se destinan 16.000 euros, cos que se poderá sufragar os gastos do seu labor dende xaneiro ata marzo.

«Era de urxente necesidade porque, segundo o seu xerente, as súas contas estaban a cero e, de feito espera que Xunta e Deputación aumenten as súas achegas para poder salvar o ano 2021. A día de hoxe, o Concello de Cambados é a administración que aporta a maior contía», segundo informa o goberno local.

O concelleiro Tino Cordal agradece o traballo que está a desenvolver esta entidade, que atende a 20 nenos e mozos ata 18 anos, e lembra que nos últimos tempos duplicouse a subvención a Esperanza, pasando de 7.500 a 16.000 euros.

«Fai unha labor imprescindible e gustaríanos que este bo exemplo ou seguiran outras administracións. As razóns que xustifican a concesión directa desta subvención veñen determinadas polo interese público e social da actuación a desenvolver, así como polo seu carácter singular que dificulta a súa convocatoria pública», segundo explica o Concello vía comunicado de prensa.

Por outra banda, infórmase do ingreso das axudas ao ensino e o transporte escolar aos 150 beneficiarios. Neste exercicio destináronse a este concepto 27.053 euros. «Este importe que é o máis alto das axudas concedidos ao ensino polo Concello de Cambados dende que se crearon estas bolsas, e moi superior, por exemplo, ás concedidas hai dous anos no anterior mandato, no que só se beneficiaron 86 estudantes cun montante total de 11.190 euros, a pesar de ter a mesma partida orzamentaria, xa que os orzamentos están prorrogados dende 2018».

O aumento no número de beneficiarios e no importe das axudas foi posible grazas as modificacións realizadas nas bases da convocatoria, nas que se incrementou a contía das axudas así como o importe da renda precisa para ser beneficiarios das mesmas.